A Real e Ilustre pecha as grandes citas do Caderno de Bitácora

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

O Voo sen Motor terá lugar o 19 de xullo, mentres que as carrilanas serán o 22 e a Rejata de Embarcasións, o 24

18 jun 2018 . Actualizado a las 09:23 h.

Normalmente, non se producen moitos cambios no programa da Festa da Dorna. Hai tres actividades principais, as que sitúan aos competidores en outros tantos escenarios: terra, mar e aire; ao redor das cales se vai argallando un variado cóctel. Pero o día da semana no que cae o 24 de xullo marca o calendario das celebracións e tamén a colocación na axenda de cada unha das grandes probas. Na asemblea que onte celebrou a Real e Ilustre pechouse esa folla de ruta, o Caderno de Bitácora da singradura número 70, quedando situadas as actividades estrela do seguinte xeito: o Voo sen Motor será o xoves 19 de xullo; o Jran Prix de Carrilanas, o domingo 22; e a Rejata de Embarcasións Feitas á Machada poñeralle o broche ás festas o 24.

Pero, como xa estaba anunciado, a marea xa asolagará a cidade ribeirense o 18, co percorrido do facho dorneiro, a Sirimonia de Inisiasión, a macroqueimada e unha primeira entrega do Rock and Dorna, da man de Brigada Bravo Díaz e Deteriorados. Ao día seguinte desenvolveranse os Xojos de Mar, o festival de Ji Jó e outro concerto, o de Som do Galpom.

A Real e Ilustre fixou para o día 20 un acto especial, a conmemoración do vixésimo quinto aniversario da celebración en Ribeira dos primeiros encontros de embarcacións tradicionais. O programa desa xornada completarase coa Feira das Culturas, o Enjalanamento das Fanequeiras, a terceira entrega do Rock and Dorna con Os da Ría e o Dansing in the sity, as sesións simultáneas de música disco en diferentes puntos da cidade.

Gastronomía e folclore

O 21 celebrarase unha nova edición do Día do Orjullo Jaiteiro, cunha invasión folclórica na cidade; e tamén dará comezo a ruta de tapas, ao tempo que se disputarán os xogos de Coroso e a Cansión de Tasca. O 22 arrancará coa feira de artesanía, para darlle paso despois ás carrilanas, ao exame de patrón e a máis Rock and Dorna, con Sacha na Horta e Noite Fechada.

O Trinautlón, o Maratasón, a final da Cansión de Tasca e os concertos de The Clams e Familia Caamagno serán o día 23 o preludio da traca final dorneira, que chegará, coma sempre, o 24. Uxía Lambona e a Banda Molona animarán a romaría que terá lugar en Coroso despois da Rejata. Xa pola tarde, o Top Secret precederá á gran Opera Dorneira na que, segundo se dixo na asemblea de onte, se leva traballando desde hai máis de seis meses.

A Real e Ilustre aproveitou para anunciar que nesta edición da festa volverán a instalarse baños, cualificando de mágoa o feito de que non se estenda esta idea a outros festexos, e sinalou que, ao igual que ocorreu nas últimas edicións, hai preparado un plan de limpeza. Desde a entidade explicouse tamén que está aberto o prazo de inscrición tanto para o rexistro de peñas como para facer uso do estaleiro dorneiro.