Váiase Núñez

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

12 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Sempre agrada que haxa alguén que coincida cos teus postulados. Tal é o caso da nova ministra de Defensa, Margarita Robles, que puxo de manifesto, con referencia a Cataluña, que as forzas armadas de terra, mar e aire teñen a obriga da garantir a soberanía e independencia de España, defender a súa integridade territorial e o ordenamento constitucional (artigo 8º. 1 da CE), tal como reflectín no meu artigo do 29/08/2017, albiscando o que podía acontecer -e aconteceu- o 1 de outubro. Parabéns señora ministra, pero de non cumprir, se é o caso, arrebolareillo nos fociños como vou facer agora cunha galega colega súa.

O derradeiro venres publicou este xornal que o alcalde ribeirense, Manuel Ruiz, aproveitou unha visita da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, para que lle axudase a arranxar o problema da ampliación do polígono de Xarás. Tarde piaches porque a devandita é unha das máis incompetentes compoñentes de tódolos gobernos que houbo en Galicia. Aínda sigo esperando resposta a uns escritos que lle fixen por conta da plataforma da Internet Granxa familiar o 20 do 11 do 2017, reiterados o 5 do 2 do 2018, sen que me tivese contestado, con despótica vulneración da Lei Orgánica 4/2001.

Porque aínda que á conselleira lle pareza un tema menor, non é menos certo que son as pequenas explotacións familiares as que aínda manteñen algo de poboación no medio rural. Agora ben, se o que preocupa é recadar dos que non poden pagar, entón entendemos algunhas das malpocadas políticas da Xunta. Case mellor que Núñez Feijóo marchase a onde aínda non o coñecen. Cousas propias do PP.