Xan García: «O obxectivo é que do traballo desta executiva saia quen colla o relevo»

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O outiense vén de ser reelixido como cabeza visible da central sindical nacionalista na comarca

10 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O nome de Xan García (Outes, 1964) é sinónimo de loita obreira. Despois de case dúas décadas na agrupación local da CIG vén de ser reelixido como responsable do sindicato na bisbarra. Di que os anos que vimos de pasar foron duros, pero avisa de que a melloría está lonxe: «Estamos nunha situación moi precaria. Se xa saímos da crise, iso quere velo o dependente que ten que agardar dous anos polas axudas ou o veciño que ten que pasar horas esperado que o atendan no hospital polos recortes en sanidade».

-Vostede que o coñece ben, ¿como anda de saúde o sindicalismo en Barbanza?

-A CIG en xeral goza de boa saúde, somos un sindicato implementado cunha estrutura importante. A nivel comarcal, invertéronse os termos con respecto a hai catro anos e posicionámonos como segunda forza nas eleccións sindicais por diante de CC.OO. cunha diferenza importante. Houbo uns anos de caída da afiliación, pero volvemos á senda da confianza dos traballadores, estamos por riba dos 1.300 afiliados e subindo. E hai que ter en conta un problema engadido, temos que loitar moitas veces contra o descoñecemento que hai sobre os sindicatos.

-A estas alturas xa pode dicirse que é un histórico da acción sindical en Barbanza, o único que queda xa...

-É certo que nos outros sindicatos non hai unha persoa como referente como había antes ou como podo ser eu dentro da CIG. Pero non estou só, somos un equipo que traballa moito.

-En teoría o do 2014 ía ser o seu último mandato, ¿que aconteceu?

-Houbo un erro na interpretación dos estatutos, que si establecen un límite de mandatos para os cargos do sindicato, pero non para os responsables locais. En calquera caso, recoñezo que un problema que se dá é a falta de relevo, porque este é un cargo cunha responsabilidade enorme que esixe unha gran dedicación. Cónstame que hai compañeiros con experiencia e cun compromiso acreditado e o obxectivo é que do traballo desta executiva saia quen colla o relevo. Os que estamos nisto facémolo por convicción, por principios e porque alguén ten que facelo. Se con sindicatos xa é moi difícil manter os dereitos laborais, imaxina como sería se non existiran.

-As cifras do paro comezan a mellorar na comarca, ¿quere iso dicir que a crise quedou atrás?

-Un traballador que ten un contrato de tres ou catro horas diarias non figura nos datos do paro, é unha falsidade. Estamos nunha situación moi precaria. Está tamén a baixa das prestacións de desemprego, e as dificultades de acceso a axudas como a Risga.

-Parece que a reforma laboral está na axenda do novo Goberno en Madrid, ¿ten algunha expectativa de que melloren as cousas?

-Imos estar alerta. Non nos importa quen estea gobernando, as nosas loitas non son contra un partido, senón contra unhas políticas. Máis alá das reformas laboral e das pensións, está pendente a recuperación de servizos públicos ou o retroceso das liberdades. Non entendo como a xente non saíu antes á rúa... Expectativas temos poucas, estaremos atentos porque a xente ten que entender que non podemos seguir así, o cidadán non merece unha sociedade tan inxusta.

-¿É ese o seu papel agora? ¿Abrirlle os ollos á cidadanía?

-Iso intentamos. Notamos certa retracción da xente á hora de mobilizarse, porque cousas tan gordas como as que houbo nestes últimos anos non as houbo antes. Creo que houbo unha atomización das protestas, cada un ía polo seu lado e non había conciencia de que a orixe dos problemas estaba nas mesmas políticas.