Julio Barreiro: «O fin é que os mozos volvan a convivir coas familias sen que haxa conflitos»

A. Novo / m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

A entidade busca casas de acollida para adolescentes que cumpren medidas xudiciais

07 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Arela ten como misión o desenvolvemento integral da infancia e da mocidade de Galicia en risco de exclusión, en situación de desprotección, ou en conflito social. Representantes desta entidade visitaron hai uns días Ribeira para dar a coñecer un dos seus proxectos, Vive comigo, e para buscar familias interesadas en acoller temporalmente a adolescentes que teñan que cumprir unha medida xudicial. Julio Barreiro é o director deste colectivo.

-¿Canto tempo leva funcionando este proxecto?

-Este ano leva en marcha desde o 1 de abril. Iniciouse coa intención de buscar persoas e familias nas provincias da Coruña e Pontevedra que estean dispostas a convivir cun adolescente que teña que cumprir unha medida xudicial.

-¿Pero houbera xa experiencias anteriores?

-O proxecto nace dunha experiencia piloto anterior, que se desenvolveu o ano pasado entre xuño e decembro, cando estivemos movendo este programa na provincia da Coruña. A iniciativa xurde pola necesidade de buscar unha alternativa para o cumprimento dunha medida xudicial que está marcada na Lei do Menor. Ata o momento non existía en Galicia unha iniciativa similar que garantise o cumprimento desta norma.

-¿Quen son os beneficiarios deste programa?

-Os mozos de 14 en adiante, aínda que normalmente este tipo de medidas se impoñen a maiores de 16.

-¿E como funcionou ata o de agora a iniciativa?

-Aínda estamos arrancando e non se produciu ningunha convivencia efectiva, pero si que hai familias preparadas, porque para participar no programa é preciso recibir formación. Logo, estas familias que superaron os requisitos, póñense a disposición do sistema. O normal é que as acollidas sexan de entre nove meses e un ano.

-¿Que requisitos teñen que cumprir esas familias ou persoas?

-O primeiro, ser maior de idade e ter unha vivenda adecuada. Logo, que haxa unha conformidade de todo o núcleo familiar, que poida ser demostrable a existencia dunha estabilidade emocional e, como mínimo, que unha persoa teña un alto grao de dispoñibilidade. Tamén é importantísima a predisposición a traballar en equipo.

-¿Hai entón un seguimento desas estancias?

-Si, a familia que se preste a convivir co adolescente vai ter un asesoramento persoal e o mozo ten que cumprir unhas obrigas xudiciais, polo que terá que responder ante un equipo profesional.

-¿A onde poden dirixirse as familias interesadas?

-Hai un correo electrónico, convive@arela.org, e tamén un teléfono, 986 212 537. A través da páxina web www.arela.org pódese ter acceso a toda a información relativa a este programa.

-¿Semella que esta non é unha tarefa sinxela?

-Por iso as familias van recibir unha formación na que se penetra no mundo adolescente e tamén no eido lexislativo, no que son os límites e as normas. É importante comentar tamén que se ofrece un financiamento de 40 euros diarios unha vez que se produza a convivencia para axudar a sufragar os gastos.

-¿A Barbanza chegarían mozos de outras localidades?

-Depende do caso, pois hai veces nas que está recomendado que estes adolescentes saian do seu entorno e noutros, o ideal é que sigan con certo contacto ou proximidade ao contexto familiar de orixe. O obxectivo é que os mozos volvan a convivir coas familias sen que haxa conflitos.

-¿Resulta moi complicado atopar familias de acollida?

-Si, pois é unha responsabilidade grande. Non é doado que a xente estea disposta, pero estamos a ter contactos. Neste mes estamos con entrevistas a diferentes familias que están interesadas.

-¿Que outros proxectos ten en marcha Arela?

-Arela naceu no 1998 e traballa a través de diferentes contratos coa Consellería de Política Social. Temos dez centros en toda Galicia: casas de familia, servizos de día de atención integral e centros de execución de medidas en réxime aberto. A maiores, desenvolvemos diferentes programas.