San Finx: o desastre de 1960

Xoán R. Doldán BUZÓN DEL LECTOR

BARBANZA

05 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Nun artigo publicado neste xornal, Juan de Dios Martín, presidente da Cámara Mineira, defendía que na posguerra a minaría practicada na comarca «sen lexislación nin sensibilidade ambiental», fora compatible co marisqueo e a actividade agropecuaria, sendo o estado actual de recursos naturais a «proba irrefutable da compatibilidade entre a actividade mineira e a protección do medio». Esquece, mais coñece, que o esteiro do Traba, na ría de Muros e Noia, onde aflúen as augas das minas de San Finx, ten unha das maiores concentracións de cobre, cinc e outros metais pesados, das rías galegas. Por iso, é imposible mariscar nesa zona de produtividade extrema, mais letal. A reivindicación dun consumo sen control de moluscos con altas doses de metais pesados bioacumulados proba que a irresponsabilidade da minaría do século XXI semella a de fai un século.

A visión da Cámara Mineira, reflectida tamén no museo que cofundou, nega e oculta os continuos impactos ambientais da minaría, e reproduce a falta de sensibilidade do grupo mineiro. Nada se di, por exemplo, do desastre de 1960 no que, segundo o informe municipal, os lodos dunha das presas mineiras, tras colapsar a comporta, deixaron estériles moitas terras. En 1967, o Concello de Lousame alertaba ao Gobernador Civil do pánico «a que se repita la catástrofe de 1960, que convirtió en eriales muchas parcelas de primerísima calidad, algunas todavía hoy improductivas».

Hoxe, as presas mineiras de San Finx, abandonadas, son confiadas ao destino, mentres a concesionaria, socia da Cámara Mineira, esquiva a súa restauración. As galerías de desaugue verten aínda cara a ría máis dun millón de litros ao día de augas contaminadas con metais pesados, perpetuando o peche de amplas zonas de marisqueo que poderían beneficiar a milleiros de familias. Son os vestixios incómodos, ocultados e letais da minaría na comarca.

Xoán R. Doldán. Profesor titular de Economía Aplicada da USC.