Barbantia reivindica o patrimonio cunha ruta por cinco pazos de Boiro

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Unhas 250 persoas participaron na actividade, que incluíu a visita aos castros de Neixón, onde o grupo parou para xantar

04 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Espazos de Boiro descoñecidos para moitos puxéronse onte en valor nunha ruta organizada por Barbantia, que serviu para reivindicar o patrimonio do municipio. Foi un traxecto de 20 quilómetros de lonxitude no que os 250 asistentes tiveron ocasión de contemplar e descubrir parte da historia de cinco pazos: Goiáns, Fonteneixe, Agüeiros, Ribadomar e Sandrenzo.

Rematado o percorrido, que comezou ás nove da mañá, o presidente de Barbantia, Manuel Cartea, destacaba non só o indubidable valor dos conxuntos arquitectónicos, «senón o camiño en si mesmo».

Un dos patrocinadores que fixo posible esta nova iniciativa cultural foi a empresa boirense García Sánchez, cuxo equipo tamén participou. A experiencia foi tan positiva que, segundo explicou Cartea, unha das responsables da firma inmobiliaria, Lola García, manifestou a idoneidade de institucionalizala.

Amplio equipo

O grupo contou con importantes colaboradores. Por unha banda José Ríos Vázquez, guía da andaina, e, por outra, o colectivo Vintedouspés, co seu presidente, Ramón Rey, ao fronte; e a compañía de transportes Autos Ramón Outeiral, que puxo un autobús por si alguén precisaba rematar a andaina antes de tempo.

Durante o percorrido, José Manuel Vázquez, Queté, encargouse de ofrecer unha ampla explicación sobre o pazo de Goiáns. Pola súa banda, Débora Romero comentou todo tipo de detalles sobre as restantes construcións visitadas. Aínda que os camiñantes non puideron acceder a todas, Manuel Cartea expresou o seu agradecemento aos donos, ao tempo que destacou o apoio da Policía Local e de Protección Civil de Boiro na actividade.

Sobre a marcha, o grupo decidiu aproximarse tamén a outro dos importantes legados históricos cos que conta Boiro: os castros de Neixón. Foi neste emblemático lugar no que fixo unha parada para comer. Para ese momento de descanso, García Sánchez tiña preparada unha sorpresa, o sorteo dunhas cestas de froita, algo que agradeceron.

Pola súa banda, os integrantes de Vintedouspés ocupáronse da intendencia durante o traxecto que, como subliñou Manuel Cartea, foi unha xornada de carácter cultural e festiva.

Tras este éxito xa se pensa en repetir a experiencia incluíndo novos alicientes.