Pablo Sax: Un artista con moitas cartas que xogar

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Lidera media ducia de formacións e este fin de semana actuará con tres na Pousada

31 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Ten máis de tres décadas de experiencia ás súas costas e unha traxectoria forxada en diferentes cidades. Con 18 anos, Pablo Sax tivo claro que quería vivir da música e non dubidou en loitar por conseguir o seu soño, perdendo a vergoña no escenario máis grande do mundo: a rúa. Desde entón, o saxofón é o seu amigo máis fiel. Con el, tanto se pecha nun estudo para gravar un disco despois dos ensaios pertinentes, como se atreve a afrontar a espontaneidade das improvisacións. O jazz é o seu campo de batalla e a media ducia de agrupacións das que forma parte conforman a estratexia que deseñou para sobrevivir da súa paixón sen ter que abandonar de novo o fogar.

«Se queres vivir da música hai que diversificar, entrar a formar parte dunha orquestra ou emigrar, porque este sector está complicadísimo actualmente, máis que nunca», explica o artista. El apostou pola primeira das opcións e este fin de semana demostrarao na Pousada das Ánimas. Ofrecerá en tres días consecutivos, de venres a domingo, outros tantos concertos con formacións diferentes, que lle permitirán ao público coñecer diferentes caras dun mesmo artista. Saltará ao escenario da sala boirense con Fritanga, un trío formado hai tres anos no que comparte protagonismo con LAR Legido na batería e David Santos no baixo eléctrico. Cada actuación deste grupo é diferente, pois baséase na improvisación, aínda que sempre tomando o rock e o jazz como puntos de partida.

Pablo Sax regresará o sábado á Pousada con Suecarpank, unha proposta musical na que se deixa arroupar por un cuarteto de cordas, o Suelen Star Cuartet, formado por dous violíns, un violonchelo e un contrabaixo; que se completa con Carlos Castro, vibrafonista e percusionista, e Pablo Rega, encargado da guitarra eléctrica. Neste caso, parte do repertorio está preparado: «Temos dúas pezas pactadas, A cordura cada vez máis tola, que abrirá o concerto, e A loucura cada vez máis corda, que o pechará. Polo medio haberá 11 temas nos que se irán combinando os diferentes músicos». E mesmo haberá un oco para a poesía: «O sexto tema é un poema que Ramón Blanco me dedicou no seu último libro e que vou recitar con acompañamento musical».

Con novo disco

O paso do músico noiés pola Pousada rematará co seu grupo máis habitual: Pablo Sax Trío, que chega ademais con novo disco, Amorgana, que foi lanzado no pasado mes de decembro: «É un conxunto de dez pezas, todas creadas por min, que levaban tempo agardando a seren gravadas. Dous temas son interpretados por min en solitario e un, por un cuarteto. A maiores, hai unha paisaxe sonora, integrada por sons que recollín no campo, en Noia».

Estes son os tres proxectos que presentará na sala de Boiro, pero non son os únicos que ten en marcha nestes momentos Pablo Sax. Aínda lle hai que engadir á relación o Comando Radar, 2M e un grupo funk que leva un tempo inactivo, pero que podería regresar ao panorama musical en calquera momento: «Teño bastantes cartas para xogar», confesa o artista. Os seus concertos son agora programados, pero asegura que a rúa marcou o seu estilo: «Alí perdes o medo e a vergoña, se es capaz de tocar na rúa é que tes moi claro que te queres dedicar a isto».

Quizais, daquela espontaneidade da rúa herdou a paixón actual pola música libre, sen composición previa: «A improvisación pon tódolos sentidos en alerta, é o estilo máis intenso a nivel de sensacións, pois permite extraer o mellor de cada un. Non se trata de facer o que un queira, senón de aportar algo a un contexto musical que teña sentido, aínda que sexa un silencio». Seguir tocando e conservar a ilusión pola música son para Pablo Sax os grandes retos de futuro: «Quero seguir crendo nisto e seguir gozando, sen máis».