Un referente na minaría metálica

Juan de Dios Martín PRESIDENTE DA CÁMARA MINEIRA DE GALICIA

BARBANZA

31 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

OBarbanza constitúe unha importante área mineira en Galicia, asociada á minaría metálica. A memoria de moitos veciños e numerosos vestixios dan mostra dunha intensa actividade extractiva desenvolvida na primeira metade do século XX, ligada principalmente ao estaño e ao volframio.

A mina de San Finx, en Lousame, é o seu máximo expoñente, pola súa dimensión (foi a primeira explotación de volframio de España e chegou a ter uns mil traballadores), polo carácter punteiro das súas instalacións (alí funcionou a primeira separadora electromagnética de mineral de España, que o Consello da Cultura Galega mesmo incluíu na súa selección Galicia. 100 obxectos para contar unha cultura), e pola súa prolongada actividade, desde 1884 ata os nosos días.

En plena posguerra, nuns anos realmente difíciles para a poboación, os habitantes do Barbanza atoparon sustento na minaría. E fíxose de maneira compatible co aproveitamento doutros recursos abundantes na zona, como os pesqueiros, marisqueiros, agropecuarios ou forestais. A alta demanda de minerais metálicos fixo xurdir unha morea de pequenas explotacións familiares na comarca, mesmo en lugares tan emblemáticos como Corrubedo.

Esta explotación masiva, con técnicas obsoletas e sen lexislación nin sensibilidade ambiental, non impediu que a comarca do Barbanza siga hoxe sendo rica en recursos naturais e mesmo teña un dos seis parques naturais de Galicia no seu territorio. Convértese así en proba irrefutable da compatibilidade entre a actividade mineira e a protección do medio.

A caída no prezo dos minerais metálicos fixo desaparecer as pequenas explotacións e só a mina de San Finx sobreviviu. O centro de interpretación creado nas súas antigas instalacións achéganos á realidade mineira do pasado século e á relevancia socioeconómica da actividade na zona.

Daquela época quédannos a memoria e os vestixios, pero tamén ser conscientes da oportunidade que representa a riqueza do noso subsolo e a súa posta en valor de xeito sostible.