Os gardiáns dos vellos oficios resisten dende o colexio do Castro

A. parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

A décima edición da semana cultural do centro achegou aos alumnos as antigas profesións e artes para poñelas en valor

29 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O CEIP Santa María do Castro vén de poñer fin á décima edición da súa semana cultural, que estivo marcada polo proxecto educativo do centro, Aprendendo novos oficios, descubrimos novos leceres. Baixo este título, os rapaces realizaron distintas actividades cuxa meta pasaba por dar a coñecer as distintas profesións e artes do pasado, co obxectivo de poñelos en valor e que non se perdan.

«A finalidade é aproximar aos nenos á nosa cultura», indicou Belén Fernández, coordinadora da semana cultural e do Equipo de Dinamización da Lingua Galega (EDLG), de onde partiu esta iniciativa. Deste xeito, o alumnado estivo documentándose durante todo o curso para traballar o oficio que lles correspondese. Nese senso, a cada nivel educativo adxudicóuselle un traballo. Os cativos de infantil aprenderon sobre o mundo da chocolatería, dende as características da planta de cacao aos países produtores.

Saídas do centro

Se en primeiro de primaria se achegaron ao gremio dos paraugueiros e coñeceron o barallete, a súa fala; en segundo estudaron a ourivería e os complementos, con especial fincapé nos traxes rexionais e de gala. A temática para os de terceiro foi a olería e a cerámica, que os levou a visitar os vestixios da antiga fábrica de Abanqueiro. Mais esa non foi a única visita da que gozaron os pequenos, pois acudiron a unha visita guiada aos Estaleiros Triñanes, onde puideron analizar un barco bateeiro case rematado.

«É importante dar a coñecer a carpintería de ribeira», destacou Fernández sobre o oficio asignado a quinto de primaria. Os rapaces máis grandes, os de sexto, fixeron o propio cos nós mariñeiros e incluso crearon un conto teatralizado para aprender a facelos. Sen embargo, unha das actividades que máis triunfaron foi a visita de dúas redeiras da Costa da Morte ao colexio boirense, xa que era o eido que traballaron en cuarto de primaria.

Todo o esforzo invertido en coñecer estes oficios foi plasmado nunha gran exposición nas instalacións educativas, na que se amosaron diversos útiles e ferramentas de cada profesión. Incluso unha familia emprestou unha embarcación para a mostra.

A semana cultural tamén incluíu unha xornada de convivencia na que as familias acudiron a xantar e houbo actuacións de pandereteiras.