A Gürtel

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

29 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Calquera dos 12 veciños da aldea pobrense de San Paio ou dos 160 da parroquia boirense de Moimenta saben que detrás dos mitins de calquera dos partidos que ían pedirlles o voto había ferro polo medio. Así foi dende as primeiras eleccións democráticas españolas nas que o alemán Willy Brandt exercera de gran amigo para financiar a un escuálido PSOE que saía da clandestinidade e o rei Xoán Carlos I fixera de intermediario con Arabia Saudí para que Adolfo Suárez puidese montar aquela artificial UCD de curta duración.

Pero estas prácticas corruptas non foron a ruína de España nestas catro décadas, senón unha depravación continuada e compartida porque ningunha das forzas vivas da política tivo a decencia de suscitar e regular, así que algo tan sinxelo de arranxar rematou creando un monstruoso latrocinio do que soamente aflorará un chisco e que persistirá se non se lle pon remedio que coido é a gran obsesión de Albert Rivera. Oxalá.

Ninguén dubida de que as formacións políticas, fundamentais nos sistemas democráticos, precisan de cartos para sosterse. Cousa ben distinta é que o estatus actual dos que xa chegaron vaia en detrimento dos que tamén queren chegar e, moito me temo, que non se lles deixe, vulnerando o principio constitucional (Artigo 23.1 da CE) do dereito de calquera a participar nos asuntos públicos mediante eleccións periódicas en igualdade de condicións entre si (democracia directa). Se cando se faga a reforma electoral, que algún día chegará, se recolle este principio, a nosa maltreita democracia corrixirase e moitas destas barbaridades desaparecerán.