O rianxeiro explica como foi a preparación de cara ao Europeo que disputará a próxima semana en Serbia
30 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.Dez meses despois de comezar a tempada, Adrián Mosquera (Rianxo, 1996) estará no Campionato de Europa de Piragüismo. Viaxará a Serbia, onde, dunha vez por todas, quere entrar na elite continental. É consciente de que non será fácil e que a súa xuventude xoga na súa contra. A pesar do titánico reto que ten diante mantén o sorriso. Despois de centos de adestramentos, ¿por que non seguir soñando?
A falta dunha semana para viaxar a Serbia, ¿como sente que preparou esta proba?
Levamos adestrando dende setembro. Cando comezamos decidimos deixar as distancias longas e centrarnos nas curtas, concretamente na de 200 metros, que é a olímpica e na que competirei en Serbia. O ano pasado compaxinabamos ambas, pero este decidimos aumentar a intensidade e non a carga de quilómetros. Fixémolo todos os do equipo sénior.
¿Veu melloría co cambio?
Si, intentamos paliar algúns puntos débiles que tiña, como é o caso da forza, na que ía un pouco xustiño, e démoslle máis importancia ao ximnasio. En 200 metros precisas explosividade. A maiores tamén reducimos o número de competicións ás que acudimos, polo que chego máis fresco de cara ao Europeo.
Chega lanzado.
Baixei preto de dous segundos con respecto á miña mellor marca. O traballo dá os seus froitos. En Serbia veremos como estou realmente. Aínda me queda para chegar ao nivel máximo.
Terá a Juan Antonio Valle como principal contrincante, xa que é o primeiro padexeiro español.
É un dos cinco mellores de Europa. Cando competimos nalgún torneo nacional sei que se estou preto del terei boas marcas. É un aliciente que haxa este nivel en España, porque me obriga a ser máis competitivo e a esforzarme para alcanzar o seu nivel.
¿Cal é a marca que se pon?
Teño a esperanza de loitar ata o último segundo para entrar na final A. Se non é así, o obxectivo será meterme cos primeiros da B.
Unha vez de volta, terá o Campionato de España, ademais da clasificatoria para o Mundial. ¿Vese tamén nesa cita?
Véxome con forzas, xa me encontro nun nivel no que estou por enriba do da tempada pasada. Se non hai ningún contratempo, e se chego en óptimas condicións, quero intentalo.
A pesar da súa xuventude, xa se atopa dentro da elite nacional.
A mellor época para un padexeiro é entre os 25 e os 30 anos. Hai algún, como Cooper, que con 21 xa está arriba, pero é a excepción. Por exemplo, Valle está nos 40. Vén moi rodado e sempre se lle dou moi ben o piragüismo. Agora quere aproveitar este tempo para poder ir a Tokio.
¿Estará vostede?
Sería un soño. Estou adestrando coa motivación de chegar ás olimpíadas de Tokio. Sería a culminación a todo este traballo, pero hai que ir paso a paso. Se o conseguira sería a confirmación de que fixen un gran papel no Mundial ou no Europeo. Sei que son novo, pero gustaríame conseguilo. É o que teño en mente.
O apoio de Ourille, e dos compañeiros do Rías Baixas, é fundamental.
Para min é o máis importante. Non é o mesmo adestrar só, cun GPS, que con compañeiros que tiran de ti. Ourille e Maikel, que se meteron a competir, son un gran apoio, ademais do resto de compañeiros do equipo sénior.