Helena Villar fai un canto a Rianxo da súa obra «Poesía mínima»

Ramón Ares Noal
MONCHO ARES RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

Cincuenta «haikus» en tres idiomas e ilustrados con fotos da propia autora conforman o volume

27 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Poesía mínima é o título da última obra de Helena Villar Janeiro e a súa presentación foi o acto central da Asociación Cultural Barbantia no último venres do mes de maio, que, xunto coa publicación do número 135 do suplemento A Voz de Barbantia, constituíron un chanzo máis dunha andaina que cumpre 14 anos, como se encargou de lembrar o coordinador da entidade Pastor Rodríguez.

Helena Villar aproveitou a comparecencia co seu novo traballo para facer un canto a Rianxo, ao que cualificou como concello culto ao igual que a súa veciñanza, que sabe vivir coa cultura e da cultura, e gabou iniciativas como a de levar a Castelao a Lisboa ou a Escola Municipal de Música, que tivo presenza no auditorio con Félix Rodríguez e Aitana Alcalde, que interpretaron varios temas clásicos para acompañar o acto.

Enrique Alvarellos, en representación da editorial, explicou que propuxeron a Helena Villar facer un libro de haikus despois de seguir as súas publicacións nas redes sociais, nas que ía subindo fotos e poemas mínimos: «A min impactáronme e esperei ao momento preciso para facer o libro», precisou. Alvarellos encomiou o traballo de selección que tivo que facer a autora, porque os cincuenta poemas que integran esta obra son parte de centos que nos últimos anos tiña publicados a escritora de Becerreá afincada en Rianxo, que os trasladou das redes ao papel.

Visual e escrita

Poesía mínima conxuga unha parte visual e outra escrita e a obra está redactada en tres idiomas: galego, castelán e inglés, sinalou Alvarellos, quen explicou que é o típico libro que debe estar na mesiña de noite, porque a súa lectura anima a reflexión: «Estamos ante un pequeno pero gran libro; un volume singular, segundo os críticos». Confesou que a editorial séntese moi cómoda tanto con Helena como co seu marido, Xesús Rábade Paredes, que hai anos que publican as súas obras en Alvarellos.

Villar Janeiro explicou como foi escribindo os haikus. Realmente, as imaxes foron a inspiración dos poemas. Un día decidiu empezar a usar unha cámara de fotos que tiña esquecida na casa e foi inmortalizando cousas que lle inspiraban poesía alá por onde ía. Confesou que a meirande parte foron sacadas en Rianxo, concretamente na súa finca, e na súa aldea, pero tamén na Pobra, en Aguiño e outros lugares.

A continuación, a propia autora recitou algúns poemas do libro, ao tempo que ía pasando fotos nunha pantalla xigante. Desta exposición despréndese a imaxinación de Helena Villar, que é quen de ver nunha ruinosa ventá unha figura picassiana, que o propio lector aprecia cando a autora o explica. En resumo, que Poesía mínima é un pequeno libro de haikus doado de ler, que incita á reflexión.

Pechou o acto a concelleira de Cultura de Rianxo, Raquel García, agradecendo as palabras de Helena Villar sobre a vila e as súas xentes engadindo que ningún dos haikus do seu novo libro rompe coas normas da poesía mínima e convidando a ler o volume todos os días.