Che Tembra: O artista que forxa a revolución

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O rianxeiro supera xa as tres décadas de traxectoria como artesán e escultor, e é autor de máis de 400 obras

27 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No seo dunha familia rianxeira humilde, durante os primeiros compases dunha ditadura na que Galicia aínda se recuperaba dos estragos da guerra, aquel foi o comezo que lle tiña preparada a vida a José Andrés Tembra Redondo (Taragoña, 1955) para nacer. Con 13 anos, aquel rapaz ao que lle alcumaban cariñosamente Che dende que era un cativo, entraba nun taller da vila para aprender o que sería para sempre o seu oficio, traballar o ferro. Aínda que o negocio estaba enfocado á mecánica naval, o rianxeiro curtiuse facendo portais e balconadas, calquera mobiliario susceptible de ser soldado.

Todo seguía o seu curso natural, ata que un día todo cambiou para aquel mozo da forma máis sinxela: unha idea brotou entre a normalidade. Viu como o que era o chofer da empresa Elenor pasaba o rato creando pequenas follas cos restos metálicos que sobraban. Na actualidade, Che Tembra segue forxando no seu obradoiro. Sen embargo, xa non crea reixas, agora rómpeas a través dun arte reivindicativo que lle levou a expoñer, en decenas de salas de mostras e museos, algunhas das máis de 400 obras que fixo ata o de agora.

As brasas

Cando cumpriu os 18, Tembra xa traballaba no taller que lle axudaran a montar na casa familiar. Seguía facendo portais, claro, pero baixo as súas propias regras: «Odio o plaxio, nunca me gustou a produción en serie, eu quería innovar». En vez de empregar o molde cos mesmos motivos que usaba todo mundo, o profesional creaba os seus e introducía barcos e sachos nos acabados. Incluso lles incorporaba retranca, como a vez na que representou ao dono do encargo cun sacho cara unha dirección e unha vaca cara a outra. Cando lle preguntou porque ía o animal só, Che respondeulle: «A taberna está por alí».

A pesares de que o arte ameazaba con saír da alma, o rianxeiro dedicábase a facer mesas e cadeiras. «Había que gañar os cartos para que as rapazas fosen á escola e tamén había que comer», lembrou. Mais o enxeño non adoita a ter freo e mentres aprendía de forma autodidacta a empregala forxa tamén creaba ferramentas e útiles artesanais, como elevadores de cordas para bateas, raspas para o marisco ou unha simbiose de sacho e rastro para facer tres regos en cada uso.

O tempo pasaba, pero Che nunca deixaba de formarse, xa fose escoitando as leccións doutros expertos, como o do señor Manuel, o ferreiro da Candosa, ou mercando enciclopedias e manuais. Cando a súa filla casou, o seu xenro, intrigado pola destreza do artesán, preguntoulle se sería quen de facerlle un Castelao. Aquel día, e de novo cunha sinxela pregunta, todo volveu a cambiar para sempre. Curiosamente, a súa primeira obra foi a parar a mans do seu inestimable amigo Xoán Pastor Rodríguez Santamaría, pero houbo moitas máis. Abofé que as houbo.

A máis de mil graos

Tras gañarse unha modesta pensión e motivado pola chegada de empresas modernas, capaces de facer máis traballo en menor tempo, lanzouse ao que sempre desexara en realidade. Dende o seu primeiro encargo artístico, devolveulle a vida a incontables escenas de Cousas ou a personaxes de cadros de Arturo Souto: «Nunca soportei ver abusos». E por iso o seu arte se basea en denuncialos. Mais o pedestal no que se apoiou para amosarllo chegou da man da Asociación Barbantia: «Con eles comecei a sentirme a gusto de verdade»

«Sempre me fiei máis dos contos da lareira que dos xornais da época», recordou Che Tembra, ao carón da súa forxa, que el mesmo creou instalándolle o motor dunha campá extractora ao braseiro. O ferreiro de Taragoña sinala as anécdotas que lle contaban os maiores sobre a pegada de maquis como Foucellas. Por iso non é casualidade que militara na clandestinidade no Partido Comunista Obreiro Español (PCOE) ou que o primeiro libro que lera fose Un ollo de vidro.

No interior do obradoiro de Che hai miles de pequenas pezas espalladas polo chan, que como aquelas flores que espertaron a curiosidade do rapaz, serven de semente da inspiración para forxar ás Trece rosas, ao Che Guevara caracterizado como Cristo, a Moncho Reboiras. Sempre desdebuxou fronteiras, por iso retratou inxustizas, como a morte de García Lorca ou o Guernica de metal no que traballa neste intre.