A Rondalla de Aguiño: Laúdes e bandurras que soan a cine

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

MARCOS CREO

A agrupación vén de presentar un disco con temas de bandas sonoras de películas

23 ene 2019 . Actualizado a las 20:44 h.

Cando un escoita a palabra rondalla pensa en música popular, en grupos de artistas animando as rúas como se dunha especie de tuna se tratara. Pero a que hai en Aguiño é ben diferente. Os seus integrantes botan man dos instrumentos propios deste tipo de formacións, pero os sons que fan brotar deles permiten facer unha viaxe pola historia do cine. A Rondalla vén de presentar un disco con oitos temas extraídos de outras tantas bandas sonoras de coñecidas películas, un traballo co que busca romper tópicos, demostrar que na música o efecto sorpresa aínda é posible.

Baixo a dirección de Álex Millet, A Rondalla saca a luz este cedé coincidindo co 35.° aniversario da súa fundación, unha traxectoria con altos e baixos, pero que constitúe un dos poucos exemplos que existen a día de hoxe da longa tradición musical na parroquia ribeirense. A súa historia arrancou alá polo ano 1983, cando Camilo Rumbao, que exercía de mestre no colexio da localidade, se animou a constituír un grupo instrumental co fin de espallar a semente musical en Aguiño. Non tiña grandes pretensións, pero quizais polo feito de que o seu proxecto era novo na zona, xa conseguiu deixar unha fonda pegada. Daquela época é o primeiro disco da formación, en formato vinilo, que foi gravado en Madrid no marco dun concurso de novos talentos.

Con aquela base sólida, á agrupación non lle custou seguir adiante trala marcha de Rumbao, a comezos da década dos 90. Aquel esforzo do mestre por introducir a música na parroquia xa dera os seus froitos e o edificio que estaba chamado a ser unha praza de abastos convertérase nun conservatorio, o primeiro da zona no que era posible realizar estudos oficiais de música. A Rondalla seguiu debuxando unha traxectoria ascendente, chegando a contar con máis dun cento de integrantes e deixando como testemuñas daquela etapa dourada dous discos, gravados nos anos 1995 e 1997.

O rexurdir do grupo

Despois de tocar teito, a formación iniciou o seu descenso ata quedar relegada, a partir do 2005, a contratacións puntuais para poñer a nota musical en vodas, misas e outras celebracións similares. Pero no 2014, un mozo que se formaba naquel conservatorio de Aguiño e que xa estivera dentro da Rondalla, decidiu reflotala. «Chamei a antigos membros do grupo para ofrecer un concerto e a partir de aí comezou todo», lembra Álex Millet, o actual director. El sabía que para garantir o futuro do grupo había que darlle un xiro, sometelo a un proceso de renovación, e apostou polo sétimo arte. Hai un par de anos, os músicos de Aguiño empezaron a traballar nun repertorio baseado nas bandas sonoras e, froito dese esforzo, vén de ver a luz Viaxe polo cine.

O disco está integrado por oito temas, entre os que figuran coñecidas melodías de Ghost ou Forrest Gump, e incluso hai unha fusión de series de televisión dos anos 80. Un total de 25 persoas, armadas con guitarras, laúdes, mandolinas e bandurras, encargáronse de darlle forma. «Apostamos por un repertorio innovador porque queremos romper os esquemas, demostrar que con eses instrumentos se pode facer outro tipo de música», explica Álex Millet. O cine marca o presente da Rondalla e todo indica que será o seu sinal de identidade no futuro, polo menos a curto prazo. Xa na estrea do disco, que tivo lugar o pasado domingo en Aguiño, a agrupación presentou dous novos temas: un de La bella y la bestia e outro de Piratas del Caribe.

No que queda de ano, a formación aspira a percorrer os auditorios da comunidade galega, aínda que o seu director confesa que non lles importaría dar o salto: «Actuar fóra de Galicia é un reto, pero o certo é que somos de vivir o presente, de gozar co que estamos a facer agora».