Santiago Freire: «Non se pode dar un bo servizo se imos estar enfrascados en conflitos xudiciais»

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

O rexedor de Noia é o novo presidente da entidade e chega co claro obxectivo de achegar posturas coa concesionaria

27 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Santiago Freire vén de asumir a presidencia da mancomunidade Serra do Barbanza por primeira vez desde que ocupa a alcaldía de Noia. É consciente das dificultades, pero confía en poder reconducir a tensa relación que a entidade mantén con FCC, a empresa que xestiona a planta de tratamento do lixo, para mellorar un servizo no que aparecen novos problemas cada pouco tempo que obrigan aos veciños a convivir con colectores cheos de desperdicios.

Asumir a presidencia de Serra do Barbanza sempre é un reto, pero ¿cales son as principais dificultades neste momento?

Hai varios retos importantes. Aínda que agora se reforzou a flota de camións con tres vehículos que esperamos que melloren a prestación do servizo, non é unha relación fácil a da mancomunidade con FCC. Ao longo dos máis de 15 anos de vixencia da concesión téñense producido situacións de tensión que se foron incrementando nos últimos anos con moitos conflitos xudicializados. Entendemos que non é a forma máis desexable para o funcionamento da relación entre unha mancomunidade e a empresa concesionaria do servizo. Iso ten unha repercusión en moitas ocasións na prestación do servizo. Agardamos que problemas que foron xurdindo se solventen.

Case todos os alcaldes mostraron a súa intención de reconducir a situación con FCC desde a presidencia da mancomunidade, ¿cre que é posible reducir tensións?

Non sei como se vai acabar, pero polo menos hai que intentalo. Eu non vou renunciar a reunirme con eles e a escoitar as súas pretensións, hai cousas coas que podemos estar de acordo e hai outras coas que non, pero non vai quedar por falta de esforzo. De feito temos pendente de fixar data para unha reunión de traballo e saber en que aspectos podemos poñernos de acordo. Igual non se chega a ningún entendemento porque cónstame que en ocasión anteriores se deron pasos para intentar que algunhas cousas non se xudicializaran.

Durante moito tempo a débeda dos concellos coa mancomunidade foi un problema que lastrou a prestación do servizo e a relación coa empresa, ¿segue a ser así?

A situación mellorou nos últimos anos e hoxe está moito máis normalizada, é menos caótica e practicamente o pago estase facendo dentro do período medio de pago a provedores. Entendemos que iso non é un problema que lastre ou que supoña unha merma na calidade do servizo e que a empresa non pode usar esa xustificación. O que está claro é que neste novo período temos que plantexar unha vía máis de negociación ou de consenso porque eu creo que se algúns temas poden solucionarse á marxe da vía xudicial haberá que exploralos. Ademais, en breve terá que clarexarse se o Concello de Ames, que é un dos que maior peso ten, está interesado en que se lle siga prestando servizo, porque a vixencia dos contratos tanto de Ames como de Rois e Pontecesures xa expirou. Temos que ter tamén unha reunión coa empresa para saber que propoñen de cara aos anos que quedan de concesión porque non se pode prestar un bo servizo se imos estar enfrascados en conflitos xudiciais continuamente.

¿Calen son as alternativas para Ames, Rois e Pontecesures?

Vánselle ofrecer dúas posibilidades: integrarse na mancomunidade como membros de pleno dereito ou renovar o contrato ata o remate da vixencia da concesión. Eu entendo que para Serra do Barbanza sería preferible que se integrasen como membros de pleno dereito coas cotas proporcionais e demais, iso sería o razoable. Pero non sabemos se van estar pola labor porque ao non haber un funcionamento axeitado, e dada a problemática que ten a mancomunidade, é difícil a incorporación de alguén que ve os problemas. É importante que se tome unha decisión porque a partir de aí poderemos facer unha planificación.

«Primeiro temos que intentar encauzar a relación con FCC»

Aínda que a actual concesión estará vixente ata o 2023, cada vez queda menos para que toque ao seu fin, por iso na mancomunidade xa comeza a pensarse no futuro, a pesar de que a prioridade é resolver os problemas que hai.

Hai quen propuxo que sexa a mancomunidade a que asuma a xestión da planta logo do 2023.

Falouse nalgunha ocasión da posibilidade de estudar a alternativa da xestión directa, pero iso eu creo que temos que ilo valorando a medida que se achegue o final da concesión e primeiro temos que intentar encauzar a relación coa empresa. Dependendo de cal sexa a situación cando cheguemos ao 2023 interesaranos facer dunha maneira ou doutra. Esta planta ten un aspecto positivo que é que xera postos de traballo na zona pero tamén ten unha serie e dificultades e de problemas. Temos que buscar un equilibrio, garantir a continuidade da planta nunhas condicións que non supoñan uns custes descomunais para os concellos.

Algúns alcaldes teñen mencionado que moitos problemas coa concesionaria veñen dun contrato que quizais non se pensou todo o ben que debería...

Resulta un absurdo que se faga un concesión a retallos. En calquera servizo cando unha empresa colle a concesión faino con todas as consecuencias, o lóxico sería que os vehículos, a maquinaria e todo o material fosen xestionados e asumidos por parte da empresa porque se non isto xera moitos problemas, temos discusións ás veces para decidir quen ten que repoñer un colector que rompe, se é FCC ou a mancomunidade ou se ao final é o concello o que ten que asumilo. Ao final iso provoca moitas tensións innecesarias, o que non podemos é estar nunha guerra diaria. Porque iso repercute no servizo e nos veciños.

¿Paga a pena seguir apostando por este modelo?

Á marxe de siglas, todos apostamos por que este sistema funcione. Por responsabilidade e polos postos de traballo, o lóxico é facer un esforzo para que os problemas se vaian resolvendo e chegado o 2023 sigamos adiante, ben mediante a xestión directa ou ben cunha nova concesión. O que temos é que ter aprendido dos erros que se cometeron.