Para que serven os fósiles?

En Galicia hai menos destes vestixios que no resto da Península


Hai 440 millóns de anos, a finais do período Ordovícico, o noso planeta Terra era moi diferente. Mentres que en terra firme só había plantas sinxelas e fungos, nos mares abundaban os trilobites, uns invertebrados de patas articuladas moi diferentes dos seus parentes actuais, crustáceos e insectos. Precisamente un morreu nesta data, e o seu corpo caeu ao fondo, onde foi sepultado por areas e arxila. A falta de osíxeno e a dureza do seu esqueleto externo fixeron que a putrefacción fose extremadamente lenta; tanto, que cando comezou a desfacerse, o material que o rodeaba transformouse en rocha dura, debido a que xa perdera toda a auga por estar sepultado por toneladas de materiais por riba dela. Pero, finalmente, o corpo desapareceu, e pouco a pouco, foron entrando minerais no oco que deixou o animal, dando como resultado unha figura feita de minerais coa forma dos restos do ser vivo: un fósil.

Hai poucos meses, os operarios dunha mina de Marrocos atoparon o fósil no medio dunha rocha sedimentaria e puxérono á venda; o exemplar foi pasando de man en man, e rematou nun posto da Feira das Marabillas da Coruña de 2017, o pasado verán. Pasei por alí, e como me gustan os fósiles, parei a botarlles un ollo; e unha señora preguntoume, cando tiña o exemplar na miña man: «E iso, para que serve?». Xuro que a anécdota é certa.

Teoría do Universo

Sabendo a antigüidade empregando a datación radiométrica (que se basea na duración de variantes de certos elementos radioactivos antes de desintegrarse), os fósiles convértense nunha proba fundamental da Teoría da Evolución: hai 3500 millóns de anos só había bacterias no noso planeta, pero pouco a pouco foron aparecendo células con núcleo, plantas, animais… e a árbore da vida tivo cada vez máis ramas.

Galicia ten restos fósiles da era Paleozoica (hai entre 540 e 250 millóns de anos) e do período Cuaternario (hai entre 2,6 millóns de anos e a actualidade), pero hai moitos menos que noutras zonas da península ibérica (non hai máis que viaxar ao Bierzo, ou a Asturias), xa que a maioría das rochas galegas están tan modificadas que non poden conter restos fósiles: ou foron sometidas a tantísima presión e temperatura que algúns dos minerais que as compoñen tornáronse noutros (rochas metamórficas), ou directamente pasaron a estado líquido (rochas magmáticas). Do primeiro tipo, só a lousa (as menos modificadas) pode conter restos fósiles; esta rocha soe aparecer cando a presión sobre unha gran capa de arxila é o suficientemente forte, e provoca pregos que transforman a rocha pouco a pouco; se a presión aumenta demasiado, chega un punto no que os fósiles, simplemente, desaparecen, e a rocha tórnase noutras rochas como xisto ou gneis.

Debido á dificultade da súa formación, seica o dous por cento de todas as especies que viviron no noso planeta deixaron restos fósiles (dalgúns só temos fósiles da súa actividade: os icnofósiles): non temos xeito de coñecer os demais.

Aínda que nunca seremos quen de completar a árbore da vida, debemos intentalo. Non sería marabilloso poder descubrir como foron todos os antepasados da Humanidade?

Na imaxe pode verse un fósil de amonites cuxa cuncha se converteu en pirita

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Tags
Comentarios

Para que serven os fósiles?