Manuel Romero: «A finalidade da arte non é a venda; o artista débese a si mesmo»

Romero desvela as circunstancias que marcaron o seu estilo creativo


Actualmente en Cambre, e sen perder o vínculo cos núcleos xeográficos que marcaron a súa vida, traballa en diferentes proxectos sen perder un ápice do seu entusiasmo e das súas inquietudes artísticas iniciais, en pro do seu cometido. Manuel Romero di que «a finalidade da arte non é a venda; o artista débese a si mesmo: quen crea algo ten o deber de pavimentar o chan para os seguintes que virán».

?Parece imposible concibir un mundo sen arte. A arte, ao longo da historia, sempre foi e será necesaria como medio de expresión, como reflexión da historia, como denuncia, obxecto estético ou manifestación de poder. Na súa etapa de profesor, como explicaba a necesidade do porqué da arte?

-A arte, para min, é unha necesidade de expresión espiritual entre o lenzo e mais eu. Aos alumnos trataba de explicarlles iso con moita humildade para que o entendesen así.

?En torno á beleza dunha obra (pintura, escultura...) hai moitos gustos, criterios, estilos e movementos artísticos. Umberto Eco di que unha obra de arte é fermosa se é funcional. Entendemos que é difícil xulgar, pero como entende Manuel Romero a beleza nunha obra de arte?

-A beleza nunha obra é relativa, pode haber tanta beleza nun vertedoiro coma nunha gran paisaxe; a técnica empregada e a maneira de usala pode marcar a diferenza.

?Nos anos 60 chegaba a Londres, capital de referencia cultural a nivel musical, artístico, museístico, e centro de formación para moitos artistas. Incluso chegaría a coincidir nalgunha ocasión con pintores representantes da nova figuración. Como influíu este ambiente no seu mundo creativo?

-En Londres, durante anos, fomos parte dun cambio social e cultural, un mundo inesgotable de ideas e unha liberdade para dar renda solta á creatividade. Das miñas conversas con Bacon, David Hokney, Freud, e máis tarde Antonie Tàpies, aprendín a humildade, e que todos os títulos académicos terían que valerme, sen escusa, para centrarme máis na arte.

?Desde o ano 1983 -estudos en Winbledon School of Arts? ata 1987 en que cursou estudos no prestixioso centro Royal College of Art (RCA), foi o camiño da confirmación de Manuel Romero como pintor. Que experiencias máis significativas lembra deste período? e, onde se sente máis cómodo, como profesor ou como artista?

-Non me gusta exercer a docencia, aínda que recoñezo que gocei moito compartindo as miñas experiencias cos meus alumnos.

?Como director artístico da galería Bruton Street Gallery, en Londres, no ano 1992, que criterios seguía para seleccionar as exposicións?

-Deseñei e dirixín The Blasson Gallery, e o meu criterio para cos artistas baseábase na abstracción. Así seleccionei, entre outros, a obra de pintores como Anthony Wishaw, Michael Portes ou Lance Smith, pintores hoxe de referencia mundial e sumamente valorados. Máis tarde ofrecéronme a dirección da Bruton St. Gallery, pero o meu criterio tivo que dar un xiro de 180 graos posto que esta galería tiña unha visión da arte máis conservadora, xa que se alimentaba da alta aristocracia inglesa e da jet set internacional.

?Sabemos que a Manuel Romero non lle gusta falar de si mesmo como artista, pero queremos coñecelo un pouco máis nesa faceta. Como é o seu proceso creativo? Isto é, desde que nace a idea ata que a leva ao lenzo ou á escultura?

-Na arte existe ou debe existir un factor que para min foi e sempre será imprescindible, e que é considerar a arte coma se fose un libro e, como tal, debe constar de moitos capítulos e cada cal é diferente entre si, pero xuntos forman o libro.

-Na exposición que realizaches na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos, nos anos 90, viña de comezar un cambio na temática e no estilo. Sorprendíanos con eses enormes cadros cheos de cor e luz coma se observaramos formas acuosas a través dun microscopio; e, ao mesmo tempo, había outros cadros onde a luz e a cor enchían e debuxaban espazos urbanos marcados por liñas, sempre con diferentes estilos e temática. Agora volve ao estudo dos rostros. A súa obra está en constante evolución, cada cinco anos hai un cambio. A que responde todo isto?

-Eu vexo a miña vida así, con sorrisos e tristuras, algunhas veces con dor, a dor da morte dun ser querido ou a ledicia dun novo nacemento. Nesta diversidade de sentimentos, pode un pintar igual? Como pode haber alguén que poida reprimir de tal xeito todos os seus sentimentos e pintar o mesmo tema, as mesmas cores e a mesma actitude durante a súa vida? Eu non podo. Eu necesito novas metas que romper, novos soños que lograr ou novos abismos onde caer para logo soñar cun novo logro ou desesperarme por non telo conseguido.

?Que pintores e que estilos o inspiraron ata dar co seu propio estilo? Como debemos ver a súa obra?

-Admiro profundamente todos os artistas que, quebrando barreiras, lograron unha nova visión da arte. E só me gustaría que un día o meu traballo e os meus humildes coñecementos poidan axudar a alguén a lograr a tan prezada meta: a de lograr unha nova visión da arte. Moitas grazas.

ILUSTRACIÓN abraldes

Da restauración á creación artística

«Son pintor. Esas dúas simples palabras deron sentido á miña existencia». Nada mellor que tomar prestada a frase de Fernando de Syzski, artista peruano, para presentar o artista Manuel Romero.

Nos anos 90 escoitei por primeira vez o nome de Manuel Romero. Unha rapaza noiesa faloume que o coñeceu nunha galería de arte. Aos poucos meses tivemos a oportunidade de coñecelo e de ver a súa obra na Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos e sorprendeunos a vitalidade cromática da súa obra así como a extraordinaria sensibilidade e sinxeleza dun home ao que non lle gustaba, e segue sen gustar, presumir da súa obra. Pero é nela onde atopamos a súa personalidade, as súas enormes inquietudes e o seu mundo, fronte a ese aire tranquilo ao que nos ten acostumados.

Seguir leyendo

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Manuel Romero: «A finalidade da arte non é a venda; o artista débese a si mesmo»