Epidemia de cólera en Porto do Son en 1854

MANUEL MARIÑO DEL RÍO

BARBANZA

CEDIDA

Os intercambios comerciais entre os portos da bisbarra, grazas ao bo tempo, axudaron na difusión do brote

25 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En boa parte do século XIX reduciuse notablemente a mortalidade, constituíndo un dos elementos que sinalaban o camiño cara á modernidade. Malia todo, como deixaron escrito varios autores, seguíanse coñecendo algunhas epidemias mortíferas, situándose o cólera en primeiro lugar entre as mesmas.

A aparición do primeiro brote de cólera a partir de 1832 non foi unha sorpresa pois era agardada polas autoridades que xa sabían das abundantes mortes que causara a epidemia en Inglaterra e posteriormente en París. Non resultou estraño que precisamente fose Vigo a porta de entrada do brote epidémico en xaneiro de 1833. Aínda que non se coñecía a bacteria, os médicos sabían que se enfrontaban a unha doenza altamente contaxiosa, polo que, decontado, se viron restrinxidos os movementos de poboación en Galicia ao tempo que se adoptaron medidas profilácticas e se procedeu a un illamento dos afectados.

En 1853 un novo brote de cólera apareceu en Galicia e, no mes de xullo do ano seguinte, xa había casos en Ribeira, e decontado se estendeu polas poboacións máis próximas.

Primeiros casos

Os primeiros casos apareceron en Porto do Son cara á metade de agosto de 1854. O 15 constatouse o primeiro caso na parroquia de Noal, o 24 en Baroña, o 28 en Queiruga e o 31 en Caamaño. A finais de mes chegou tamén a Portosín e a comezos de setembro a Miñortos. A presenza da enfermidade no concello sonense, aínda que foi tardía, foi igualmente virulenta pois nos rexistros da época contabilizáronse máis de 250 falecidos, sendo o número de mulleres lixeiramente superior ao dos homes. Como vemos, o brote devastou a poboación ao tempo que conmoveu os nosos antepasados.

O comezo da epidemia coincidiu coa chegada do bo tempo e a suba das temperaturas. Outro factor que incidiu na difusión do brote foron os intercambios comerciais que se estableceron nos portos da bisbarra aproveitando precisamente a bonanza do tempo. Por iso, resulta significativo que as poboacións máis afastadas da costa se visen libres da enfermidade. Deste xeito, parroquias como Xuño, Nebra e Goiáns -agás Portosín- non se viron afectadas.

Mortes fulminantes

A enfermidade provocaba mortes fulminantes pola deshidratación que seguía ás persistentes diarreas. Daquela, a doenza desatou unha auténtica histeria entre a poboación e as autoridades, que se viron desbordadas polos acontecementos. Logo virán novos brotes, como os de 1855, 1863, 1865 e 1873, que deixaron case baleiras as cidades e as vilas ao fuxiren os veciños cara ao campo.

Outra consecuencia do cólera foi o peche dalgúns dos cemiterios que se situaban nos adros das igrexas parroquiais buscando lugares afastados. Os enterramentos eran tan frecuentes que mesmo chegou a dicirse que as tumbas non se pechaban agardando a entrada dun novo membro da familia. Sirva como exemplo que na parroquia de Noal, no espazo de 12 días, faleceron catro membros da mesma familia. Foron Francisco Vidal, o 23 de agosto; o seu fillo Manuel Vidal Sobrado, o 25; a súa muller Juana Sobrado, o 3, e a súa filla María Vidal Sobrado o 3 de setembro.

Os brotes de cólera remitiron a finais do século XIX cando foi creada unha vacina e un antibiótico.

A Xunta de Sanidade publicou estas recomendacións