Contra o cura de Fruíme

ROMÁN ARÉN

BARBANZA

25 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Neste libro, Fernández Salgado fai unha dobre edición, paleográfica e anotada, das cincuenta décimas escritas cara a 1770 contra o máis importante escritor, con Sarmiento, do noso século XVIII, Diego Zernadas de Castro, o primeiro cura de Fruíme. Carta satírica extensa, habitual no xogo satírico entre ilustrados do 18, que se conserva nos fondos da Fundación Penzol. Décimas anónimas, pero Fernández Salgado anota a posibilidade de que o autor fose Bernardo Rivera y Collazo, ao que Zernadas satiriza aludindo á súa coxeira. As décimas atacan a teima pedichona de Zernadas para o culto da Virxe das Dores de Fruíme. Zernadas e Rivera foran amigos e ambos os dous puxeron cadanseu poema laudatorio en La barca más prodigiosa de Rioboo e Seixas.

Libro erudito, moi informado, con rigor filolóxico, feito por un doutor en Filoloxía Galega e profesor da Universidade de Vigo, que xa era ben coñecido polos seus estudos e edicións de Marcial Valladares, que amplía o coñecemento de Zernadas, como xa fixeran Rivas Troitiño, Pardo de Neira e Carlos García Cortés.

Cada vez son máis os novos textos dos Séculos Escuros que van aparecendo da man de Rosario Álvarez, Mariño Paz ou Suárez Vázquez, que están cambiando a nosa percepción, mellorándoa, desa etapa.

«Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas»

Xosé A. Fernández Salgado

Laiovento (2017)

204 páxinas