A Pobra reivindica o papel da muller

La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

A vila dará cabida este fin de semana a unha festa con poesía, música, teatro e a presentación dun colectivo que vén de iniciar a súa andaina na vila

23 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A vila pobrense dará cabida este fin de semana á primeira Festa Feminista, unha actividade promovida pola Concellería de Igualdade que pretende reivindicar o papel da muller. O eixo central desta actividade serán os xardíns Valle-Inclán. Alí, as casetas que o fin de semana pasado deron cabida a unha ducia de artesáns transformaranse para ofrecer exposicións fotográficas, un obradoiro artístico e deseños de carácter feminista. Tamén se instalará un fotocol. Estes postos estarán abertos venres, sábado e domingo.

A maiores, a praza do Emigrante dará cabida o venres, entre as 19.00 e as 23.00 horas, a diversas actividades complementarias, entre as que figuran a presentación da Asociación Xuvenil de Mozas Feministas da Pobra, un festival de música e poesía, un obradoiro de autodefensa, unha charla a cargo dunha sexóloga e o concerto de Vadoo.

O sábado, a partir das 12.00, desembarcarán na zona dos xardíns a compañía Dinamo, co espectáculo Receitas pola igualdade; Troskita cos seus contos e Mulleres en Acción, que levará a cabo unha intervención artística baixo o título Puzzles sobre estereotipos de xénero.

O sábado, ás 20.30 horas, terá lugar no auditorio do museo a presentación da Guía de linguaxe non sexista. Os postos dos xardíns seguirán abertos o domingo.