Cando Carlos falaba, os demais escoitabamos. Ata sempre, alcalde!


Con Carlos López Crespo marcha unha desas persoas fundamentais. Importante para o PP. Clave para o Barbanza. Vital para a súa familia. Un alcalde para os seus veciños. E, sobre todo, un amigo.

Aínda que era mestre de Matemáticas, para min e para todos os compañeiros do partido el era o mestre da política local e do auténtico. Esa proximidade aos veciños era no caso de Carlos algo tan natural, tan fresco e tan real que bastaba un pequeno paseo con el polo Freixo para recibir unha lección do que é ser alcalde con maiúsculas. Carlos non saudaba sen máis. Non. Carlos sabía o nome e as circunstancias de todo aquel co que falaba. E non miraba o reloxo cando estaba coa xente. Non. Carlos sempre miraba aos ollos.

Obtivo no seu concello seis maiorías, algo ao alcance de moi poucas persoas en España. Foi deputado provincial en varias ocasións e demostrou unha grande valía como xestor e como facedor de equipos. Cando el falaba, os demais escoitabamos. Sabiamos que sempre tiña as palabras exactas para cada situación ou a palmada que precisabamos nos momentos baixos. Carlos arrincábanos un sorriso sen esforzo, non dubidaba en recoñecer os seus erros e mostraba os seus sentimentos sen temor.

Pero era moito máis que un político do PP. Carlos foi, por riba de todo, unha gran persoa que nos fixo a vida un pouquiño máis doada aos que convivimos e traballamos con el. O seu sorriso, o seu ánimo, ese mirar cara adiante incluso nos peores momentos, a súa oportuna retranca (de Outes ou do seu Coirós natal, que máis ten) fai que o vaiamos botar moito de menos.

Estrañarémoste, amigo. Eu estrañarei as túas conversas, os teus consellos e ese xeito tan teu de ensinarme que vale máis unha man nas costas dun veciño cando ten un problema que eses balances que tanto nos gustan e que moitas veces ninguén entende.

E permíteme que che diga unha última cousa antes de despedirnos: esa oportunidade que tanto gozaches, a de traballar neste último ano como parlamentario e que ti vías como un premio á túa traxectoria política, foi en verdade un premio para nós. Nós fomos os premiados coa túa presenza. Ata sempre alcalde. Mestre. Grazas.

Autor Diego Calvo Presidente provincial do PP

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
13 votos
Comentarios

Cando Carlos falaba, os demais escoitabamos. Ata sempre, alcalde!