A Biblioteca Castelao de Lisboa foi inaugurada entre acordes de Barahúnda

a. p. RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CEDIDA

O centro disporá duns fondos compostos dun cento de obras galegas

22 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A Biblioteca Castelao de Lisboa, cuxos fondos están compostos dun cento de obras galegas, xa é unha realidade dende que o pasado sábado foi inaugurada na sede da Asociación José Afonso. O dúo musical Barahúnda, afincado en Rianxo, encargouse de poñer as melodías dun acto no que tamén participou o alcalde do municipio, Adolfo Muíños.

«Non é tarefa do Concello de Rianxo abrir bibliotecas polo mundo, pero entendemos que estábamos diante dunha figura e dun cantor excepcional, José Afonso. Por iso quixemos ter aquí un anaco onde amosar o mellor das nosas letras», expresou o mandatario durante o seu discurso, agradecendo o labor do colectivo e a implicación con Galicia.

Por outra banda, a cerimonia oficial tamén tivo lugar noutro escenario da capital lusa. Diante do Parlamento, Barahúnda tocou xunto a João Afonso -sobriño do afamado compositor Zeca Afonso-, Cais da Saudade e o histórico da música popular portuguesa Francisco Fanhais.

«Grândola»

Como non podía ser doutro xeito, a homenaxe rematou entoando cánticos como o do clásico Grândola Vila Morena, cuxos compases remataron por fundirse cos da Rianxeira, nun exemplo máis de confraternidade.

Tamén houbo representación da Cámara Municipal de Lisboa e da Xunta de Freguesía da Misericordia.