Alarmas e alarmantes

Francisco Ant. Vidal
Francisco Ant. Vidal LINGUA PROLETARIA

BARBANZA

matalobos

19 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Debería estar prohibido alarmar con fins comerciais. Pareceralles pouco bombardearnos cada mañá coa caída do euro, coa prima de risco, a suspensión das pensións, os recortes sanitarios, o mal estado do ensino, co insalubres que son todos os produtos do súper ou coa nova atrocidade de Trump animando a unha guerra mundial da que os miñaxoias europeos non se librarán, como para que nos veñan a redondear esa lista de atrocidades, barbaridades e intimidacións con alarmistas anuncios de alarmas.

Hoxe, cando a maioría dos fogares pasan varias horas ao día pechados por mor das necesidades propias dos seus moradores, xa sexa para ir ao traballo, ás compras ou simplemente dar un paseo de media tarde para baixar o nivel de colesterol, as radios interrompen a súa listaxe de apocalipses para emitir anuncios animándonos a poñer unha alarma na casa polo que poida pasar, e aínda a maiores adornan o anuncio cun pseudoparateatral diálogo no que se explica como lle desvalixaron o piso a un veciño na media hora que tardou en mercar o periódico, ou doutro que á volta dunha relaxante fin de semana ata se atopou sen garabatas para ir pór a denuncia.

Será por iso que eu mesmo, cada vez que saio da casa, trato de agochar a maleta por se hai algún vixiante de despistados na esquina da rúa. A veciña do segundo dime que ela deixa unha persiana a medio subir para dar a sensación de que hai xente dentro, o do terceiro argallou poñer unha lámpada dirixida á fiestra do salón e conectada a un temporizador para que se vexa unha luz activa pola noite, e o do cuarto dereita contounos en secreto, durante a reunión trimestral no portal, que el deixa a radio espertador programada para que se acenda durante as horas de maior actividade ladroíza; e todo por non pagar os cen ou cento e pico de euros que custa unha alarma. Un negocio que se reparten máis de 1.500 empresas, que facturan preto dos catro mil millóns de euros ao ano.

Quen fora aquel Kevin de 8 anos que puxo a raia a uns trosmas cando ficou só na casa, e tantos cartos e desgustos lle aforrou a seus pais.

Será por ter escoitado eses anuncios alarmistas mentres me afeitaba, que esta mañá, cando tiña que saír a mercar o pan, preferín tomar o tostado que gardo para un apuro por non deixar a casa soa. Logo rexeitei unha invitación ao cine pola mesma razón, e pola noite coloquei un aparato de radio na porta, unha lámpada apuntando á mira, todos os pasadores corridos e unha cadeira de reforzo facendo cuña contra a asa da pechadura. Tan obsesionado estaba que ata me vin en soños con armadura e alabarda vixiando para que non me roubaran o cobre da instalación eléctrica.

Estou facendo cálculos e lembro cando aló polo final da década dos noventa empezaban a ser substituídos os policías e gardas civís das oficinas gobernamentais por seguridade privada, algo que se dicía que ía aforrar un montón de cartos ás arcas do Estado e crear non sei cantos postos de traballo, pero a verdade é que o que se aforrou por un lado gastouse polo outro e abriuse o apetito adquisitivo das empresas de seguridade, decididas a facer negocio á conta do medo co que nos bombardean.

Agora xa estou pensando en non ir de vacacións, como lle prometín aos cativos, e ata non sei se montar un solario no piso para non ter nin que baixar á praia cando chegue o verán. Vamos, que estou máis alarmado agora que teño diante dos ollos un catálogo de alarmas e outro de seguros contra roubos.