Xosé Luis Veiras Manteiga: Un artista dependente da paleta de cores

Os tons vivos caracterizan as obras do noiés, que actualmente expón en Polonia


Ribeira / la voz

A cor é un elemento fundamental en boa parte das obras de arte pictóricas, pero mentres algúns creadores apostan polas tonalidades neutras, concedéndolles máis importancia aos trazos, outros prefiren depender dunha gran paleta na que a intensidade ten todo o protagonismo. Un dos referentes barbanceses deste segundo colectivo é Xosé Luis Veiras Manteiga, un artista autodidacta que forxou a súa traxectoria entre a súa Noia natal e a Francia á que marchou por amor, país ao que segue ligado creativamente a través do grupo AAA53, do que foi fundador.

Da man deste colectivo artístico, que iniciou a súa andaina hai un cuarto de século, as obras de Veiras Manteiga viaxaron ata Polonia. Actualmente atópanse no museo de Nyse, onde permanecerán ata finais deste mes, para seren despois trasladadas a Opole. O pintor noiés seleccionou para a ocasión unha parte da última serie que realizou, baseada en corpos nus de mulleres que teñen, como singularidade, as vivas cores cos que foron decorados. Outra parte desta colección quedou en Galicia, concretamente na Fundación Venancio Salcines de Oleiros.

Non é a primeira vez que, coa ducia de colegas de AAA53, Xosé Luis Veiras organiza exposicións no estranxeiro. Aínda que tamén se sente cómodo exhibindo os traballos na súa terra, foi fóra onde comezou a súa carreira como artista. Marchou a Francia no ano 1974, xusto despois de rematar o servizo militar: «Aínda que empezara a pintar de neno, foi alí onde comecei realmente a dedicarme a este mundo, entre outras cousas porque non atopaba outro traballo, nin seguramente o quería». Lembra que foi na Bretaña onde tivo o primeiro contacto real coa arte: «Aquí eran tempos de Franco e o certo é que se sabía moi pouco do tema».

Alí o artista descubriu paisaxes e mariñas que o deixaron impresionado, pero, lonxe de amedrentarse, optou por arriscar desde o principio: «Para o que eles pintaban en grises e azuis eu empregaba vermellos, amarelos e violetas. A cor sempre foi esencial na miña obra e amoseilles que se podía utilizar sen temor. Penso que neste sentido pode dicirse que abrín novos camiños no eido da pintura».

Catro eixes temáticos

E aínda que despois daquelas paisaxes chegaron outros temas moi diferentes, como os bodegóns, os menhires e os corpos nus, Veiras Manteiga non renunciou á súa paleta de intensas cores. Iso si, foi cambiando de estilo continuamente e segue a facelo na actualidade: «É coma se dunha roda se tratase, teño esas catro temáticas ás que recorro sempre, pero modificando a técnica e o estilo, ata o punto de que cheguei á pintura surrealista. Nesta última etapa, converte os brancos lenzos en rechamantes corpos de mulleres: «O meu obxectivo é renderlles homenaxe, resaltar a súa beleza».

Por unha muller emigrou e, cando ela faleceu, o barbancés decidiu regresar á súa terra, aínda sabendo que se vería obrigado a empezar de novo: «Eu aquí case non expuxera nada ao longo dos 26 anos que estivera en Francia, polo que foi complicado. As cousas aquí son moi diferentes, posto que eu na Bretaña deixei un montón de obras en coleccións públicas, que foron mercadas, cousa que aquí non ocorre». Para abrirse camiño, apostou por seguir arriscando coa paleta: «Ás veces semella que os artistas teñen medo, que empezan e rematan a súa traxectoria pintando da mesma forma, pero eu non son así».

Iso si, Veiras Manteiga non cambiará, polo menos de momento, de temática: «A finais de ano teño prevista unha exposición en Brión e ata entón seguirei pintando corpos, pero podería cambiar de idea en calquera momento. Que non me xurdira esa necesidade de dar un xiro non quere dicir que non vaia aparecer en calquera momento».

Deixándose inspirar por un ou outro tema, o que ten claro o creador noiés é que tomará o traballo con moita calma: «Teño tanta obra feita que me atopo con verdadeiros problemas de espazo para almacenala; tanto é así que xa renunciei a realizar cadros de gran formato».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Xosé Luis Veiras Manteiga: Un artista dependente da paleta de cores