Estou «Deitado fronte ao mar»

Antón Parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

18 may 2018 . Actualizado a las 05:15 h.

Estou Deitado fronte ao mar, mentres penso na historia Da terra asoballada, porque xa non se ven tantas Follas novas escritas na lingua na que se queixan os pinos. Tampouco se ven aos nenos xogando sobre O cabaliño de buxo, nin a aqueles que xa deben ser maiores onde queira que estean, a pesares de que prometeran estar Sempre en Galiza. Quizais por iso Os vellos non deben de namorarse, aínda que os pobres teñan que escoitar os nomes de Os mortos daquel verán, pois escasean os amigos para todos. Ou iso parecía reflectir O tempo no espello.

Premo as teclas con carraxe para baleirar o Pandemonium, pensando no xornalista ribeirense que nos roubaron as mesmas balas que erixiron a Longa noite de pedra. Menos mal que sempre houbo quen soubo manter a resistencia viva, aínda que fose tenue como Á lus do candil, xa no pasado dende a Verba que comeza ou cun recente Crac que estalou en Taragoña. Algúns bótanlle a culpa aos de abaixo, nunca aos que entoan un Divino sainete, mais todos sabemos que nunca calará O bufón d’el rei e que este último acostuma a saber de máis Dos arquivos do trasno, excepto cando mataron O xornaleiro e sete testemuñas máis. Sen embargo, ¿que importa outra Bailadela de morte ditosa?

Sempre nos quedará A esmorga daqueles anos entre pupitres, nos que pensabamos que os Cantares gallegos non tiñan visos de desaparecer. Ata que comprendemos Os eidos que nos ían tocar e aprendemos a lección como se fosen As rulas de Bakunin, preparándonos para o duro combate con Versos de loita. ¡Ai, pero se O vello Sinbad volvese ás illas, se lle cantara a estas como lle cantaron ás Ondas de mar de Vigo, sabería que Da esencia da verdade de Heideger só nos queda o arrecendo desa Herba d’aquí e d’acolá.

Non podemos perder a fe. Non mentres non consigamos as Cen chaves da sombra coa que abrir a porta santa e volver a ver a Quintana viva, que agora só pertence aos que nos deixaron Arredor de sí. Agarden porque volverán as cabalgadas na Barbanza e as Cabalgadas no Salnés. Aínda que teñamos que pór o esforzo De catro a catro ou de oito a oito. Aínda que teñamos que pisar Espiñas, follas e frores non volveremos a aturar ningún Catecismo do labrego.