O alumnado lembrou a Victoria Moreno

p. bretal / j. m. sande RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Distintos centros educativos da bisbarra acolleron actos, como romarías e obradoiros, pola véspera do Día das Letras Galegas

18 may 2018 . Actualizado a las 13:59 h.

Cada véspera do Día das Letras Galegas, que se celebra hoxe na honra da escritora Victoria Moreno, ten lugar unha festa anticipada nunha gran parte dos centros educativos da bisbarra. A de onte non foi unha excepción e estivo marcada pola realización de romarías, obradoiros e actividades ao aire libre.

De entre todos os actos destacou o realizado no boirense Santa María do Castro. O colexio de Cabo de Cruz xa viña celebrando a súa semana cultural e, para un día tan especial, a comunidade educativa gozou dunha xornada de convivencia na que houbo dende comida e masaxes á recreación de diversos traballos tradicionais, xa que este era o obxecto do seu proxecto: Aprendendo vellos oficios, descubrimos novos leceres.

Moitos pais tamén participaron no peche da décima edición desta iniciativa, que contou coa actuación de pandereteiras.

Sendeirismo e teatro

Por outra banda, no colexio de Artes comprobaron que o esforzo ten unha deliciosa recompensa. Con parte da colleita do horto escolar que mimaron durante todo o curso, o integrante dos Foros Ecolóxicos do Barbanza Manolo González preparou un festín a base de verduras e hortalizas. Ademais, nais e pais tamén asistiron a este xantar.

Non moi lonxe de alí, no lugar de Goda, o alumnado do ribeirense colexio Bayón ía chegando pouco a pouco a unha área do parque natural, que a comunidade de montes de Artes limpara previamente para eles. Alí estaba situada unha das paradas do seu mítico Andatón, unha ruta medioambiental e cultural con máis de dúas décadas de traxectoria, que os levou a percorrer espazos como O Touro, Couso ou O Vilar. En cada parada, ao longo de Artes, foron plantando algún do máis dun cento de carballos e castiñeiros -e sorprendentemente un acivro- que xerminaron e coidaron ao longo deste ano. Algúns serán colocados no centro polos cativos de infantil e outros daránselles a un colexio compostelán, posto que a ruta tamén continúa hoxe con eles, despois da clásica acampada nas instalacións educativas.

No colexio Frións volveron a preparar a súa romaría con distintos postos de artesanía e gastronomía. A mañá tamén estivo amenizada a base de gaiteiros. En Muros, os colexios Ricardo Tobío e Ramón de Artaza representaron o martes dúas obras de teatro na casa da cultura municipal, unha iniciativa que repetiron os institutos Fontexería e As Insuas. Ademais ambos alumnados de primeiro ciclo da ESO preparan outra dramaturxia sobre a vida e obra de Moreno, que levarán a escena o próximo venres.

O colexio de Nebra inaugurou unha biblioteca que poderán empregar os veciños 

Despois de anos de duro traballo de reorganización e catalogación de exemplares, a comunidade educativa do colexio sonense de Sobrado-Nebra inaugurou a nova biblioteca do centro, que tamén poderán empregar os veciños de luns a xoves, de 16.00 a 18.00 horas. O director, José Luis Romero, agradeceu a implicación das familias, que levan varias semanas acudindo a realizar actividades, como conta contos.

Romero, que estivo acompañado polo alcalde, Luis Oujo, manifestou na súa intervención que o seu propósito é facer partícipes ás familias e aos veciños da actividade do centro.