Manuel Paz: O retratista que embelece a paisaxe

María Xosé Blanco Giráldez
M. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A natureza é o seu escenario preferido á hora de enfocar o obxectivo da cámara

16 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O mar bravo batendo contra as rochas, as augas tranquilas bañando as fermosas praias do litoral, as fervenzas amosando o poder da auga, anoiteceres, amenceres... Toda a riqueza que a deusa natureza lle regalou á comarca de Barbanza é susceptible de ser enfocada pola cámara de Manuel Paz, un ribeirense que descubriu na fotografía unha auténtica paixón, ata o punto de que vén de dar o salto ao eido profesional. Converter esta afección no seu medio de vida é nestes intres o seu gran reto, pero mentres lidia esta batalla amosa unha selección dos seus últimos traballos na casa consistorial da cidade, baixo o título Recunchos.

Foi hai uns sete anos cando Manuel Paz empezou a ter a cámara de fotos como compañeira inseparable: «Sempre me gustou moito a natureza e que mellor maneira de plasmala que en fotografías». Eugenia Gómez, a responsable da galería O Faiado, deulle o empurrón que precisaba para que aquelas instantáneas que realizaba para a súa colección particular viran a luz e puidesen ser xulgadas polo gran público: «Ela foi a que me propuxo montar a primeira exposición, e a que teño agora no concello é a cuarta». Coma outros que pasaron antes pola improvisada sala de exposicións que constitúen as paredes do edificio administrativo, tamén Manuel Paz enxalza a idea de darlle un uso artístico ao inmoble: «Penso que a iniciativa é interesante; primeiro, porque así temos un lugar máis no que expoñer e segundo, porque se consegue achegarlle a arte á xente».

O ribeirense confesa que non foi doado seleccionar as instantáneas para esta mostra: «Teño un arquivo cunhas 40.000 fotos, a maior parte delas de paisaxes, así que me resultou bastante complicado escoller. Empecei descartando as que son de fóra da comarca, xa que prefería amosar paraxes próximas». Si que lle resulta doado decantarse á hora de elixir as súas imaxes preferidas de Recunchos: «Unha foto sacada desde o miradoiro da Pedra da Ra un día que se cerrou de néboa e vese o sol tocando as nubes. Custa identificar o lugar. Tamén me gusta moito a da fervenza de Cures, en Boiro, e un amencer coa silueta duns fotógrafos que convertín no meu sinal de identidade para as tarxetas de visita e as redes sociais».

Salto profesional

É que, hai seis meses, Manuel Paz decidiu dar o paso co que levaba soñando moito tempo e, aínda que mantén o seu traballo como camareiro, converteuse en autónomo co fin de tratar de abrirse un oco laboral no mundo da fotografía. «Neste proceso de profesionalización axudoume o mundo inmobiliario, pois fago fotos de vivendas para empresas. Este é un nicho pouco explotado, pois normalmente as firmas empregan as instantáneas dos clientes, pero non é o mesmo. Unhas fotos poden ser cruciais para que unha persoa se decida a ir ver unha vivenda», explica.

Aínda que loxicamente estará aberto ás demandas dos clientes, asegura que os espazos naturais seguirán a ser os seus preferidos á hora de afrontar cada reportaxe. Mentres a súa axenda se vai enchendo de citas, seguirá inmortalizando recunchos con encanto: «Sempre vou coa cámara, pois nunca sabes onde podes atopar a imaxe desexada. Unha vez, indo para Pontevedra ás oito da mañá, vin a néboa entrando e non dubidei en parar o coche para tirar unhas fotos antes de seguir o camiño. Se non levara a cámara comigo xa me arrepentiría».

Cando sae á caza e captura das mellores instantáneas pola comarca, Manuel Paz ten verdadeiros problemas á hora de elixir a dirección a coller: «É unha zona preciosa para sacar fotos. Recoñezo que O Vilar é impresionante, pero a min o que máis me gusta son as fervenzas, e de feito teño unha boa fototeca delas. Cadarnoxo, o Pozo Bastón de Rianxo, as piscinas do río Pedras, a de Cures...».