Galiza Nova fixo un chamamento a falar en galego por distintos centros de secundaria da bisbarra

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

O colectivo nacionalista está a levar a cabo unha campaña informativa

15 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A agrupación comarcal de Galiza Nova está a levar a cabo unha campaña que leva por título Rebélate, fala galego, unha iniciativa dirixida a concienciar ás sociedades das principais cidades e vilas galegas, onde se instalaron e se instalarán photocalls con mensaxes que animan á xente a falar galego, ademais doutras actividades con figuras destacadas da cultura de Galicia. Por outra parte, os militantes deste colectivo nacionalista tamén repartiron folletos informativos sobre a situación do idioma en varios centros de secundaria barbanceses, coma o IES Número Un de Ribeira e o IES A Pobra do Caramiñal.

Nese senso, o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández, declarou que «dar o paso a falar en galego no contexto actual é un grande feito de rebeldía».

Durante estas xornadas informativas, as mocidades do BNG analizaron as dificultades que atravesan os galegofalantes, así como unha proposta de dez pasos para comezar a empregar a lingua de Rosalía.

A mocidade

«Unha das cuestións que para nós é fundamental é potenciar o uso do galego entre a xente máis moza», destacou a responsable comarcal deste colectivo en Barbanza, Elvira Blanco, que sinalou esa franxa de idade como a máis importante para a supervivencia do galego.