Ramón Lago: O último sorriso que o artesán tallou nos rostros de Boiro

La Voz RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

Moncho O Carballeiro faleceu o sábado aos 86 anos de idade

15 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Se algo marcou a vida de Ramón Lago Blanco (Boiro, 1932) foi a abraiante determinación que sempre amosou para realizar calquera traballo, unha capacidade que só podía rivalizar co tamaño do seu sorriso. Pois sería unha fazaña atopar a un só veciño do seu Runs natal que sinalase unha carta de presentación distinta para Moncho O Carballeiro, un home que tiña o altruísta problema de non saber dicir nunca non a quen necesitase a súa axuda.

Con tan só 13 anos de idade, Lago conseguía o seu primeiro emprego na antiga carpintería do Camiño Real en Boiro. Non tardou en converterse nun auténtico artista de certo renome. Non obstante, todo o que tallou con esmero, todo o que construíu e artellou coa ferramenta nunca puido competir coa mellor das súas obras. Unha creación que só se pode facer con catro mans. Ramón Lago namorouse perdidamente de Rosa Sieira García, coa que casou e formou a súa familia.

Para que non lle faltase nada aos seus, O Carballeiro non dubidou en botarse ao mar, primeiro en barcos de pesca e despois na mercante, onde estivo traballando varias décadas na firma Marítima del Norte. Así foi como coñeceu tantos novos lugares, pero o seu mundo era Rosa. E cando esta enfermou, non tardou en prexubilarse e regresar a terra para coidar dela.

O día que o seu amor se foi, o sorriso de Lago comezou a apagarse, pero coñecer á súa bisneta e ao seu bisneto volveu a acendelo. Así pasou os derradeiros anos, ao coidado dos seus e da horta familiar. O Carballeiro faleceu o sábado aos 86 anos e o seu funeral tivo lugar o domingo no cemiterio dun Boiro que nunca o esquecerá. Porque o artesán tiña esa estraña e valiosa habilidade de tallar e marcar a forma de ser dos demais para ben.