«O reto é ampliar as competencias de Arousa Norte, pero non é o momento»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Considera necesario mancomunar prestacións, así como traballar en máis eidos ca o turístico

13 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Converter o turismo nun dos motores económicos da comarca é un dos grandes retos que Barbanza ten pendentes. Existe un gran potencial, que ten na riqueza paisaxística e natural o seu principal expoñente, pero falta atopar a clave para atraer visitantes máis alá do período estival. A Mancomunidade de Municipios Arousa Norte vén traballando neste eido desde o seu rexurdimento, hai xa 16 anos. Nela, o cargo de presidente vai rotando entre os alcaldes de Ribeira, Rianxo, Boiro e A Pobra. O rexedor deste último Concello, Xosé Lois Piñeiro, estréase este ano no posto.

-Aínda que se trata dun cargo que implica poucas tomas de decisión importantes, ¿cales son os seus retos?

-O principal, apoiar o traballo diario da mancomunidade e colaborar estreitamente coa xerencia para o desenvolvemento da súa estratexia. Considero que non é o momento para aspirar á consecución de outros obxectivos máis ambiciosos. Realmente, presidir Arousa Norte significa ter máis traballo para un concello, sobre todo a nivel económico e administrativo. A maiores, trátase de seleccionar novas propostas e levalas ao pleno para que sexan sometidas á súa consideración.

-Se o presidente tivera máis poder, ¿cales serían eses retos?

-O gran reto é ampliar as competencias de Arousa Norte, pero non é o momento máis oportuno para expoñer cambios en profundidade. Nestes intres están limitadas ao turismo e á extinción de incendios. Xa se levaron a cabo importantes modificacións no funcionamento da mancomunidade, coma o xiro na xerencia para potenciar a presenza en feiras fóra de Galicia e tamén se afianzaron piares no eido do turismo deportivo, gastronómico e de natureza.

-Non é a primeira vez que se fala de mancomunar servizos, ¿irían por aí os seus obxectivos?

-Hai servizos, coma o da recollida de animais abandonados, no que estariamos dispostos a poñer en marcha un centro comarcal. Este é un exemplo, pero hai máis que serían factibles. É certo que hai outros, como a recollida de lixo ou a auga, difíciles de mancomunar, pois cada concello ten o seu sistema. Considero que a colaboración entre Administracións sempre é interesante.

-¿Que balance fai da traxectoria de Arousa Norte?

-Os resultados dos cambios que se introduciron a nivel de xerencia non son avaliables a curto prazo, pero si é verdade que se crearon rutas que funcionan aceptablemente ben. O importante é que a mancomunidade ten a oportunidade de conseguir subvencións ás que os concellos, de maneira individual, non poderiamos optar, e iso permítenos investir. Deberiamos ser máis ambiciosos, pero tamén é certo que o traballo que realizamos non é todo o visible que sería desexable.

«É imprescindible fuxir dos localismos»

Despois de ser elixido rexedor da Pobra, Xosé Lois Piñeiro amosouse partidario de abrir Arousa Norte a tódalas forzas políticas da comarca con representación nos plenos. Mantén esa idea, pero despois de ver de preto o funcionamento da mancomunidade, introdúcelle matices e xa non a considera tan urxente.

-¿É difícil manter unha alianza deste tipo cando as ideoloxías políticas son tan diferentes?

-Non é difícil sempre e cando non se propoñan cambios profundos. Temos que fuxir das actividades que afecten ao noso municipio e desenvolver iniciativas que teñan repercusión en toda a comarca. ¿Por que non levar a cabo unha proposta sobre o parque nacional ou o natural na que Ribeira teña o peso e logo unha ao redor da literatura con Rianxo e A Pobra como líderes? É imprescindible fuxir dos localismos, e os alcaldes ás veces pecamos disto. Nas actividades que desenvolve Arousa Norte non hai moita carga ideolóxica e o habitual é que non xurdan problemas.

-Pero houbo altibaixos, un deles cando se falou da posibilidade de abrir o proceso de toma de decisións á oposición. Vostede defendeu esta proposta.

-Despois da historia que hai detrás desta mancomunidade e do traballo realizado convén mantela e garantir o seu futuro, pois xa se ten andado un camiño importante para ter un xeodestino de calidade. É certo que cando chegamos propuxemos esa apertura de Arousa Norte, mediante a constitución dun pleno no que se marcaran as liñas estratéxicas contando coa presenza de tódolos grupos.

-¿Segue mantendo esa opinión ou despois de ver desde dentro o funcionamento da mancomunidade cambiou de idea?

-Penso que para que o funcionamento da mancomunidade sexa áxil, non se pode someter cada decisión a un pleno do que forme parte tamén a oposición. Ademais, non se manexa un orzamento tan importante como para que se faga precisa esa representatividade. Agora ben, considero que si que sería interesante que tódalas forzas políticas da comarca estiveran representadas de algún xeito. Agora dase a circunstancia de que un partido histórico como é o PSOE non conta con representación. Ese feito de participaren na toma de decisións faría que houbera máis implicación e interese por parte de todos.