Diego Malvárez Villaverde: O galego que une Europa e África polo progreso

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

O lousamián analiza e desenvolve proxectos empresariais na maior consultora de negocios española en Etiopía

24 may 2018 . Actualizado a las 18:57 h.

Sendo só un rapaz, Diego Malvárez Villaverde (Tállara, 1985) non tardou en destacar no ámbito das ciencias e das matemáticas. Era máis que habitual ver ao pequeno artellando un novo invento xunto aos seus amigos, como unha bicicleta convertida en pedaleta actuática. Podería dicirse que o seu grupo de compañeiros non tiña unha cabana con catro paus, tiña unha choupana con porta, chave e tellado.

Quizais por estes motivos non resulte estraño que o lousamián acabase formándose como enxeñeiro. O excepcional foi que se armase coa mestura dun talento e dun inconformismo férreos que o levaron a levantar un proxecto empresarial internacional e a ascender meteoricamente ata converterse no director das oficinas de E for E Alliance (Efore) na capital de Etiopía, Adís Abeba. Na actualidade, aquel rapaz é responsable de dirixir distintos proxectos multidisciplinares no seo da consultora de negocios española máis importante do país que alberga a sede da Unión Africana.

O camiño do éxito

Despois de rematar a primaria no colexio María Assumpta e a secundaria no IES Campo de San Alberto, Diego Malvárez ingresou na Escola de Peritos da Universidade de Vigo (UdV) onde fixo a carreira de Enxeñería Técnica Industrial. «Por aquel entón dicíase que neste centro a técnica era incluso máis difícil. Non tardei en comprobalo», lembrou Malvárez, e proba diso foi que, tras acadar a primeira titulación, só tardou tres anos en licenciarse na superior, mentres traballaba como becario para a UdV.

Cando o profesional se especializou, tivo a oportunidade de materializar o seu proxecto de final de carreira e montar o seu laboratorio, onde impartía prácticas a estudantes. «Foi unha época bastante divertida, entre investigacións, comprobacións, análises... pero estaba ligado a ser profesor e iso non era o meu», explicou deses dous anos de experiencia no mundo académico.

Por aquel entón irrompían con forza os novidosos conceptos de emprendemento e as start-ups. Mentres Malvárez seguía vinculado á universidade, realizou un curso baseado nesa nova filosofía que promovían La Caixa e o Instituto de Organización Industrial de Madrid (EOI). O traballo que realizaron el e o seu compañeiro Bruno Lema, unha app dixital de análise do sector hostaleiro, foi escollido como o mellor e presentado a fondos de inversión.

O calendario marcaba o 2012, o peor ano da crise económica, polo que aquela plataforma non chegou a ver a luz, pero o lousamián entendeu unha das leccións máis importantes da súa vida: «Non quería estar pechado 45 anos nun laboratorio ou nun despacho. Quería saír, coñecer as necesidades do mercado e da xente e crear algo novo que funcionase».

Sen medo ás maletas

Trala súa fase na UdV, Diego Malvárez comezou a colaborar con firmas aceleradoras de proxectos e co Círculo Financieiro de Vigo como asesor de inversión. Así foi como comezaron a pasar polas súas mans distintas ideas e propostas de innovación, que el estudaba e axudaba a botar a andar. No 2015, un amigo comentoulle que precisaban un enxeñeiro para arranxar unha máquina en Etiopía. Cando chegou á entrevista de traballo e soubo das liñas de acción da empresa, explicoulles que el tiña un perfil máis conceptual que técnico. Unha semana máis tarde estaba desempacando as maletas en Adís Abeba, como enxeñeiro sénior en Efore.

«Axudamos a compañías europeas a establecer as súas inversións en materia comercial no mercado etíope», explicou Malvárez, quen foi o primeiro traballador desprazado ao país africano. Pódese dicir que practicamente montou el a oficina e aos cinco meses accedía gustosamente a converterse en socio,, e aos dous anos e medio en director da sede etíope.

«Este país leva 15 anos medrando ao 10 % sen petróleo e, aparte de ser ricos en materias primas, non as explota de momento, busca transformalas e crear valor engadido. Existe unha política fantástica de inversión industrial con vantaxes fiscais, seguridade xurídica e física e baixos índices de corrupción», analizou, precisando que os acordos contan con cláusulas de transferencia tecnolóxica vitais para o progreso de Etiopía.