Rocío Alvite: «A práctica do deporte constitúe unha forma marabillosa de unir á xente»

Participa no circuíto Correndo pola Costa da Morte, que chega á súa quinta edición

.

mazaricos / la voz

É a raíña indiscutible do circuíto de carreiras populares Correndo pola Costa da Morte, que este ano celebra a súa quinta edición. De feito, foi a campioa nas dúas últimas, gañando con claridade oito das dez probas nas que participou. Un dominio que tamén amosou na proba disputada fai tres semanas en Vimianzo, onde resultou vencedora, e que espera repetir esta fin de semana en Mazaricos.

Corre na casa e iso, tal e como explica a propia Rocío Alvite Ferreiro (San Cosme de Antes, 1980), é unha responsabilidade engadida á que lle encanta facer fronte. «Gústame moito correr no meu concello porque sempre te atopas con moitos coñecidos que che animan de corazón, porque che coñecen de sempre e che din que se senten orgullosos de min cando me ven correr. Teño que recoñecer que me poño moito máis nerviosa competindo na casa, pero que tamén o fago con moito máis ánimo porque intento dalo todo para non defraudalos».

Habitualmente non adoita facelo porque rara é a proba na que, como pouco, non sube ao podio. E xa non só nas populares -tamén gañou o circuíto de carreiras da Deputación da Coruña o pasado ano- senón tamén en campionatos de maior relevancia. De feito, no 2006 proclamouse en Portugal campioa de Europa na carreira de dez quilómetros para veteranas maiores de 35 anos e subcampioa, só un día despois, da media maratón nesta mesma categoría.

Uns logros aos que Rocío Alvite, facendo gala da modestia e a sinxeleza que sempre a caracterizan, lles quita importancia. «É certo que hai que manter unha tensión competitiva e que a todos os que corremos nos gusta gañar, pero sempre sen esquecerse de que isto é unha afección e que, unha vez se cruza a liña de meta, todos somos amigos e que, ás veces, incluso imos tomar unha caña xuntos. A práctica do deporte constitúe unha forma marabillosa de unir á xente».

Eloxio das iniciativas que se fan

Neste sentido, eloxia as iniciativas que, no eido da promoción do deporte, están a facer os concellos da comarca. «Estano achegando a todo o mundo e iso hai que dicilo e poñelo en coñecemento da xente, porque en moitos casos supón esforzos económicos moi importantes. Nunca antes foi tan sinxelo e barato poder practicalo», apunta a atleta que, defendendo a súa disciplina, sinala que correr é unha das mellores prácticas que se poden desenvolver porque, ademais de estar ao alcance de todas as persoas, concede grandes beneficios a quen o fai.

«Cada un, independentemente da súa idade, ao seu ritmo e buscando o modelo que mellor se lle axuste, pode correr. Nin fai falla un equipo carísimo nin unhas instalacións fóra do normal, senón calzar unhas zapatillas e ir arrancando pouco a pouco. A satisfacción persoal que se obtén é enorme e os beneficios para a saúde impagables», explica Rocío Alvite que, sen embargo, recoñece que ela empezou a practicalo relativamente tarde. «Sempre me gustou moito o deporte e estiven en moitas disciplinas. Dende a bicicleta ao ximnasio, pasando polo campo a través de pequena, sempre lle dei un pouco a todo ata que un día, vai facer dez anos, me propuxen empezar a correr e ata hoxe xa non parei», explica.

En todo este tempo respectárona as lesións -insiste na necesidade de que cada un atope o ritmo que mellor lle vaia, precisamente, evitalas e «poder desfrutar do deporte sen sufrimentos»- e só un pequeno contratempo nun pé a principios de ano lle impediu saír. «Empecei a adestrar de novo en abril porque preferín parar e que todo curase ben para evitar males maiores no futuro. Tampouco hai que enfermar, porque isto ten que ser un divertimento».

A pesar disto, e de que tamén participa mañá nunha carreira de oito quilómetros en Frades, espera estar a tope o domingo na Picota para gozar da súa afección e para facer que os seus veciños e amigos continúen sentíndose tan orgullosos dela.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Rocío Alvite: «A práctica do deporte constitúe unha forma marabillosa de unir á xente»