Por eses mundiños de Deus

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez CRÓNICA

BARBANZA

11 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Non hai como saír da casa e andar por eses mundos de Deus para comprobar que aquí, neste recuncho da Península, non estamos tan mal en determinadas cuestións, ou cando menos non estamos peor, os atrasos chegan a todos lados. Tamén en materia de infraestruturas. E aínda que se falamos do tren de alta velocidade estamos a anos luz da realidade que se vive na Meseta, Levante ou Cataluña, no que ten que ver coas estradas non estamos moito peor. A orografía non axuda demasiado e saír de Galicia pode ser un verdadeiro suplicio, pero se do que falamos é de calidade estamos á altura do resto. Algo é algo, por moito que se diga que o mal de moitos é consolo de parvos. Debe ser por iso que ao final todos calamos e outorgamos e tragamos con carros e carretas sen replicar.

Hai unhas semanas, con todo o escándalo do máster de Cifuentes, houbo un (ao meu parecer enxeñoso) usuario de Twitter que ante a petición do PP para que alguén achegase pistas sobre a conspiración contra a ex-presidenta da Comunidad de Madrid respondeu cunha fotografía do deplorable estado da autovía que une Galicia coa capital do Estado, engadindo que, tal e como estaba, ben valía como pista porque se asemellaba máis a un camiño de carros que a unha vía nacional. E non esaxeraba, porque tiven a experiencia de percorrer un tramo desa estrada e dou fe de que o estado do firme é lamentable. Non conto isto como anécdota, senón como denuncia dunha situación que vai máis alá dunha cuestión estética e que pode chegar a custar, xa non digo avarías nos vehículos, senón incluso vidas.

É certo que en épocas de crise gastar en cemento e asfalto non parece o máis urxente e necesario, pero iso é unha cousa e outra é ter as estradas coma se fosen pistas forestais, sobre todo porque supón un perigo.

O colmo xa é cando, despois de coller un desvío, chegamos a unha autoestrada, coa súa peaxe correspondente, por suposto, e de camiño atopamos tramos nos que o asfalto está nun estado igual de lamentable que o da autovía. O cal leva a calquera a preguntarse en que diaño gastan as empresas concesionarias o que recadan polos milleiros de coches que pasarán por alí a diario. En persoal non o creo, porque cada vez son máis as cabinas habilitadas para pagar mediante unha máquina e menos as que teñen a unha persoa de carne e óso ao outro lado.

Algo terán que gañar, obviamente, que para iso son empresas, pero a Administración debería estar máis vixiante neste tipo de cuestións e esixir un mantemento mínimo das estradas, porque á fin e ao cabo son un servizo público que xa pagamos entre todos. Porque, ao final, é unha cuestión de seguridade.