Pablo Bugallo: «Gustaríame ser bombeiro, sacrificarme e axudar á xente»

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

Co triplete nacional no currículo, o boirense aposta por facerse un oco na selección española de cara o verán

10 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucas persoas que exemplifiquen como Pablo Bugallo (Boiro, 1991) os valores inherentes ao deporte. A unión de garra, corazón, traballo en equipo, perseveranza e loita son a súa receita para o éxito, tanto nas pistas de voleibol de toda España como na vida mesma. O barbancés exerce como un dos mellores embaixadores do seu Boiro natal na totalidade do país.

A xesta que acadou esta tempada, na que alzou tódolos títulos nacionais co Teruel, co que renovou onte por unha tempada máis, está ao alcance dun grupo de privilexiados. A campaña non rematou para el, tócalle enfundar a camiseta da selección española para disputar a Golden European League, que se xogará a finais deste mes e do próximo.

-Logo do triplete tócalle defender a camisola nacional, ¿como afronta este novo reto?

-O certo é que nos tocaron rivais moi complicados, como son República Checa, Portugal e Finlandia. Intentaremos facelo o mellor posible e demostrar que podemos con eles. Somos un grupo novo, de moitos xogadores que se incorporan á selección. Temos ganas de practicar entre nós antes de comezar a xogar.

-¿Como definiría o nivel do voleibol en España?

-Creo que a crise fixo que os clubs tiveran máis complicado fichar xogadores de fóra, iso vese nas pistas. Houbo moitos recortes, perdéronse subvencións... Non obstante, creo que a Superliga goza dun gran nivel, contamos con xogadores dunha calidade excelente. Non por marchar vas ser mellor ou peor. Aquí tamén podes competir.

-Tivo a oportunidade de competir fóra, pero ao final decidiu manterse un ano máis en Teruel. Á vista está que se tratou dunha boa decisión.

-A verdade é que si. Tiven ofertas de Italia, Francia e Romanía. Non obstante, economicamente non compensa. A principios da tempada pasada renovei en Teruel porque me sentía como se estivera na casa. O corpo técnico e a directiva son excelentes, sempre me trataron moi ben.

-¿Fátalle visibilidade ao voleibol na televisión?

-Ogallá houbese máis partidos televisados, aínda que fora un á semana. Porén, aí non me podo meter. Trátase dun tema complicado no aspecto económico, porque pode que á federación, ou aos diversos canais de televisión, non lles saia rendible e que por iso o boten atrás.

-¿Ata cando pensa que estará nas pistas de voleibol?

-Iso depende das lesións, teño un compañeiro que con 39 anos é un auténtico animal, aínda que unha boa idade para deixalo pode ser entre os 32 e os 35. Creo que hai vida máis aló do voleibol. Creo que hai que aproveitar a oportunidade, sacarlle partido ao deporte e intentar dar o mellor dun mesmo, pero a vida segue cando isto remata.

-¿Onde se ve cando remate?

-Gustaríame ser bombeiro, sacrificarme e axudar á xente. Creo que é un traballo realmente gratificante porque che permite estar coa xente cando ten un problema. Estou pelexando para sacar a oposición, hai que prepararse moito fisicamente para conseguilo. Foi un oficio que sempre me gustou, dende neno, e nun futuro gustaríame estar traballando diso.