A Pobra súmase ao mes da cultura con música e teatro

La Voz

BARBANZA

cedida

Talía, Xarope Tulú, Odaiko, Saleta Fernández e Dinamo integran o cartel de actividades

09 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A gran festa da cultura está a piques de estoupar en Barbanza. A medida que se achega o 17 de maio multiplícanse as propostas nos diferentes puntos da comarca. Na Pobra, os escolares tiveron onte ocasión de gozar dun espectáculo a cargo do grupo de percusión Odaiko e da compañía de marionetas Fantoches Baj, pero aínda quedan por diante outras citas, tanto musicais como teatrais.

Talía Teatro desembarcará na vila este venres (teatro Elma, 20.30 horas) para presentar Pelos na lingua, unha comedia que xira ao redor do uso do galego. O luns tomará o relevo sobre as táboas do antigo cine pobrense Xarope Tulú, que representará un espectáculo a partir da obra de María Victoria Moreno: María e os ollos alabarados. Ocuparán as butacas alumnos de diversos centros educativos.

E o vindeiro mércores (20.30 horas) regresarán os músicos de Odaiko, aínda que desta vez en solitario, con Vaia banda, un espectáculo que recrea un espazo circense no que os instrumentos se converten en utensilios para a realización de acrobacias.

Colofón humorístico

Xa na recta final deste mes da cultura por excelencia, recalará na Pobra Saleta Fernández (día 24, 11.00 horas), que lle presentará ao alumnado do Salustiano Rey a súa montaxe Pan con chocolate, elaborado a partir da obra homónima de Victoria Moreno.

O colofón chegará o 25 (20.30 horas) con Dinamo Teatro e a súa obra Inmedioteces. Cousas veredes. Víctor Grande e Pedro Brandariz saltarán a escena para deleitar ao público con pequenas pezas humorísticas.

A maiores deste programa deseñado dese o Concello, o grupo Xiada súmase á festa das letras cun festival (día 17, 20.00 horas), ao mesmo que a coral Abrente, que actuará o 19 (20.00 horas).