Francisco Canosa: «A duna de Corrubedo será no futuro unha montaña cuberta pola vexetación»

Di que a prohibición de pisar o montículo freou o seu proceso de erosión


ribeira / la voz

Un cento de persoas conmemorarán este fin de semana o Xeolodía en Barbanza, visitando paraxes coma o parque natural de Corrubedo e o monte de A Curota. As prazas dispoñibles para a actividade, que ten carácter gratuíto, cubríronse en cuestión de minutos, o que proba o interese que o tema esperta. Á fronte das dúas expedicións programadas, unha para o sábado e outra para o domingo, situarase o xeólogo Francisco Canosa, integrante da Asociación Española para la Enseñanza de Ciencias de la Tierra.

-¿A que se debe a elección de Barbanza para a celebración do Xeolodía?

-Barbanza foi elixida pola súa relevancia a nivel xeolóxico, que xira ao redor de tres eixos fundamentais: a serra, o río Pedras e o complexo dunar de Corrubedo.

-¿Podería dicirse que hai unha razón xeolóxica detrás da beleza paisaxística de Barbanza?

-Á hora de ensinar a formación do relevo en Galicia, que segue o sistema dos bloques ou das teclas dun piano, sempre se utiliza como referencia a serra de Barbanza. É unha tecla elevada que contrasta con antigos vales, que eran o Tambre e o Ulla, que posteriormente, co aumento do nivel do mar, deron lugar ás rías de Arousa e de Noia.

-En canto ao complexo dunar de Corrubedo, ¿cal é a súa importancia a nivel xeolóxico?

-A duna sempre foi un referente nos estudos da costa española, pero estamos percibindo síntomas de que a súa condición de móbil está desaparecendo porque non lle chega a area da praia.

-¿Que vai acontecer no futuro con esta duna?

-A duna de Corrubedo será no futuro unha montaña cuberta pola vexetación. É difícil saber cando ocorrerá, pero non tardará moito, será cuestión dunhas décadas. De feito, non lle quedan moitos anos de mobilidade e entón comezará ese proceso de asentamento da vexetación.

-¿Acelerou este proceso, como pensa moita xente, o feito de que se prohibise pisar a duna?

-Ao contrario. Colegas da USC fixeron estudos que poñen de manifesto que ese pisoteo influía negativamente na duna, pero hai outros motivos relacionados con esa regresión e en todos está detrás a man do home. Un son os encoros, pois provocan que a area resultante da erosión das montañas xa non chegue ás praias; e outro, os usos do terreo. Nas zonas rurais xa non hai cultivos e a vexetación coloniza todo, evitando as escorrentías e o traslado de sedimentos desde o interior cara as praias.

-¿Considera entón que a prohibición de pisar a duna foi unha decisión acertada?

-A prohibición favoreceu que o proceso de erosión non fora a máis. Se esa decisión non se tivese tomado, a duna tería perdido máis altura.

-¿Como se creou esa gran duna?

-Formouse a partir da area da praia que, co vento, foi trasladada cara o continente. Os estudos revelan que quizais había un obstáculo físico, coma un outeiro, que evitou que a area penetrara máis na terra. Ese obstáculo, que exerceu de muro, non o vemos porque está debaixo da area.

-E a serra de Barbanza, ¿cal é a súa principal característica a nivel xeolóxico?

-O río Pedras, que é totalmente lineal, seguindo unha zona de fractura que aproveita para ir labrando o seu val. No seu leito destaca a cantidade de pías e marmitas de xigante (coñecidas como pozas) formadas pola erosión.

-¿Cal foi o proceso de formación da serra?

-Formouse en diferentes etapas. As rochas metamórficas apareceron cando Galicia se atopaba no hemisferio sur, no fondo do océano. Despois, debido ao movemento de placas tectónicas, o territorio chegou á zona do ecuador e a colisión de dous continentes xerou unha gran cordilleira. Aí é cando aparece o granito, debido á fundición de parte das rochas metamórficas. Na época dos dinosauros, esas pedras quedaron arrasadas pola erosión. Logo, no proceso de formación dos Alpes, Barbanza volveu a rexurdir, dotándose do aspecto actual. Iso ocorreu hai uns 60 millóns de anos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
17 votos
Comentarios

Francisco Canosa: «A duna de Corrubedo será no futuro unha montaña cuberta pola vexetación»