Un fresco xeneral

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

08 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que salta o tema da xustiza rínchanme os dentes porque as miñas experiencias, empiricamente, así o amosan. Lembro cando na transición, os policías do Concello pobrense, despois de arduas e complexas pescudas, levaban diante dos xulgados de Noia, primeiro, e dos de Ribeira, despois, a delincuentes que saían ceibes antes de que os axentes rematasen alí os trámites administrativos, arrogándose unha tutela dos seus dereitos máis aló dos das persoas honestas prexudicadas que quedaban estupefactas diante de tal desamparo.

Transcorridos máis de corenta anos, e sen necesidade de acudir á kantiana Crítica da razón pura, esta cuestión debería estar arranxada, pero todo apunta a que estamos diante dunha democracia aínda moi imperfecta con tendencia a permanecer, que se dixo que dixera Álvaro de Laiglesia na gran revista crítica La codorniz (1941-1978): «En España reina un fresco general, procedente del noroeste, con tendencia a permanecer».

Humor aparte, outra das grandes cuestións pendentes de estruturar é o terceiro piar dos poderes do Estado, o xudicial, que non só atangue ás execrables condutas que son actualidade estes días, senón a temas como as relacións laborais e mercantís, os preitos civís, o narcotráfico, os abusos de poder, os políticos corruptos e ladróns, as falcatruadas bancarias, as estafas, a mala praxe comercial... porque non abonda con presumir dun estado de dereito cando a xustiza vai torcida. ¿Cobrarán pouco? Publicado no 2008, un xuíz español comezaba a súa carreira con 46.412 euros ao ano e remataba con 108.549. Xulguen vostedes.