Francisco Alcalde: «O 2017 foi excelente, foi o ano da consolidación do Mexillón de Galicia»

Rosa Estévez
rosa estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

BARBANZA

MARTINA MISER

Anuncia que o Consello reclamará indemnizacións ás empresas que persistan na fraude da etiquetaxe

06 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A piques de rematar a tramitación do novo regulamento da DOP, Francisco Alcalde bota contas do traballo feito durante a súa etapa como presidente do consello regulador.

-Parece que o 2017 foi un bo ano.

-O 2017 foi excelente, foi o ano de consolidación do Mexillón de Galicia. Foi moi bo en canto a calidade, cun rendemento moi elevado; con 42 millóns de quilos de mexillón certificado, e con 73 operadores adheridos -iso a decembro, agora xa son 77-. A maiores, o Consello conta con recursos humanos e técnicos nos 16 portos de descarga de mexillón de toda a costa galega. No 2017 realizáronse máis de 14.000 controis de calidade comercial, e podemos presumir de que controlamos o cen por cento das partidas que optan á certificación, o que supón que o sistema da DOP ten a estrutura de control mais exhaustiva da rede oficial de control de calidade alimentaria. Pero todo iso non vale de nada se non arranxamos a situación da fraude na etiquetaxe.

-¿Como vai esa campaña?

-Este consello leva anos demandando que todas aquelas mencións que fan referencia a Galicia e non estean amparadas pola DOP son ilegais. Vímonos na obriga de acudir á vía civil e a resposta xudicial foi contundente e aclarou que a protección da DOP alcanza tamén ao mexillón transformado. A maiores, isto foi ratificado polo Parlamento Europeo, pola propia Comisión Europea e pola ministra de Pesca. E, ao final, á consellería do Mar cambiou o seu criterio e comprometeuse a apoiar a protección da DOP, dando instrucións tanto ao servizo antifraude de medio rural como ao Instituto Galego de Consumo, de que se lle asegure o cumprimento da normativa nas mencións dos envases do mexillón en conserva. De non corrixirse este fraude nun corto prazo, estamos estudando a posibilidade de reclamar indemnizacións por danos e prexuízos a aquelas empresas que persistan na vulneración da protección da DOP.

-Nunhas xornadas organizadas por Opmega, o director xeral de Ordenación Pesqueira do Ministerio cualificou de estéril a batalla.

-O aumento no Consello de operadores e de bateeiros -hai 2.100 asociados nunha situación que se regularizará co novo regulamento-, di claramente cal foi o rumbo deste consello regulador nos últimos anos.

-Ese mesmo voceiro falou da necesidade de reordenar os espazos da acuicultura. A última lei xerou un fondo malestar.

-Creo que se produciu un cambio de estratexia. Quedou claro o rexeitamento da xente do mar a unha lei que impulsaba un cambio do modelo produtivo. Visto iso, parece que agora se están a presentar iniciativas na Comisión de Pesca da UE para que ese cambio veña «imposto» desde alá. Nós xa emitimos alegacións ao respecto.

-Tamén se falou da necesidade de revalorizar o produto.

-Parte do noso obxectivo é transmitir que o cultivo do mexillón é algo máis que unha actividade sostible social e economicamente. É tradición, cultura... ¿Alguén imaxina as rías sen bateas? Intentamos transmitir eses valores e así conseguir unha maior valorización en todos os elos da cadea.

O sector do mar arousán ten a vista fixa, dende hai meses, no interior de Galicia, nos concellos de Touro e O Pino. E todo, por culpa dun proxecto mineiro que pretende reactivar unha mina de cobre que fóra pechada nos oitenta. «Quedou abandonada, non se fixo ningún tipo de restauración da zona, coa consecuencia de drenaxes de augas ácidas ao sistema fluvial, e cunha alta concentración de metais pesados nos Lombos do Ulla, que é o gran pulmón da ría da Arousa», di Alcalde. «Agora quere reabrila unha multinacional con sede en Chipre e participación de capital chinés e fondos de investimento estranxeiro».

-Parece que a valedora vai mediar para garantir a transparencia...

-Desde distintos colectivos solicitóuselle á Consellería de Industria as analíticas de augas feitas nestes anos, e información sobre a transmisión dos dereitos mineiros. Non contestaron. Isto ten certo tufillo a ocultación de datos.

-O que está claro é que o proxecto, na ría, non gusta nada.

-Teñen uns dereitos mineiros adquiridos de 122 quilómetros cadrados, case 17.000 campos de fútbol. Prevese o vertido na cunca do Ulla de máis de 3.000 millóns de litros de augas contaminadas que permanecen na antiga mina. Pretenden facer entre seis e nove voaduras diarias, abrir dez enormes ocos a ceo aberto. Para extraer o cobre empregarán 15 millóns de quilos de compostos químicos, un deles sospeitoso de producir cancro. Os lodos contaminantes depositaranse en dúas inmensas balsas, unha delas cun muro de tres quilómetros por 80 metros de alto... A mina do Touro é unha megabarbaridade que vai producir prexuízos a quen vive na zona, pechando explotacións agrícolas, gandeiras e forestais; as explosións diarias provocarán po en suspensión cargados de metais pesados que afectarán á saúde dos veciños; vai afectar á Rede Natura, o Camiño de Santiago, que é un dos grandes motores turísticos de Galicia, ao sector turístico...

-Dende a empresa acúsanos de alarmismo.

-O conselleiro delegado da empresa dixo que non ía dar orde de abrir comportas e verter. Pero a min preocúpame que se produza un accidente, unha rotura. E vaise producir porque ningún material é eterno. A contaminación invadirá pouco a pouco cuncas de auga e acabará chegando ao Ulla e á ría. É como ter unha bomba de reloxería na ría, que sabes que vai explotar, pero non sabes cando. Hai máis de 30.000 familias que viven directamente do mar, pero non nos esquezamos de que hai trece concellos que se abastecen do río, con máis de 150.000 habitantes que beben del. A auga do Ulla é vida, non nos poden tratar así. Nos están obrigando a unha gran mobilización.

-Di o presidente da Xunta que se o proxecto cumpre a lei, sairá.

-Tamén dixo o señor Lavandeira, nunha entrevista, que van cumprir a lei. E resulta que das 600 exploracións que fixeron en Touro, 360 foron realizadas sen licencias, de forma ilegal. Vimos hai pouco que o Seprona está investigando grandes cantidades de augas ácidas da mina de Río Tinto, que explota a mesma compañía... Son motivos máis que suficiente para que os responsables políticos teñan sensibilidade e deneguen esta barbaridade, os concellos xa o están a facer, e que promovan a restauración da antiga mina.