Xa estamos tardando


Nun recente informe elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, pertencente ao do Consello da Cultura Galega, estudouse a crise do libro na nosa lingua. A cousa resúmese en: menos títulos, menos tiraxes, menos editoriais e menos investimento público en promoción do libro e a lectura.

O texto foi moi comentado, sobre todo por mor dun dos datos máis escandalosos que ofrece: na última década, os programas públicos de fomento da lectura e do libro descenderon por riba do 50 % do orzamento. Iso, sen que ningún responsable cultural da Xunta nos ofreza a máis mínima explicación de por que recortan este diñeiro.

Eu sempre o digo: a un gobernante vótaselle para que aplique as políticas do seu programa, pero se non as explica de maneira transparente, hai que sospeitar dos motivos.

En todo caso, non lles quería falar diso, senón doutro dato aínda máis estarrecedor do informe e do que non se falou. Ao contrario do resto do Estado, o gasto en libros realizado polos fogares galegos na década 2006-2016 caeu un 54,5 %. Isto é unha animalada. Miren: se se perde o hábito de lectura na casa, van facer que os seus fillos e fillas sexan máis ignorantes, menos competentes no mundo actual e con menos oportunidades. Van criar rapaces sobre os que gobernarán como se queiran, con traballos insatisfactorios, pouco rendibles e cunha ética empobrecida.

Ler non é ningunha panacea, pero a historia demostra que non ler é bastante peor. Déanlle unha oportunidade os seus fillos. Lévenos ás excelentes librerías e bibliotecas da nosa comarca.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
3 votos
Comentarios

Xa estamos tardando