Chuvia de pétalos na Galea para lembrarse das plumas caídas

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

ANTÓN PARADA

A quinta Romaría dos Devanceiros contou cunha nova voda celta e con charlas sobre Carlos Mosteiro, Eladio Oviedo e Anxo Rei Ballesteros

02 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

É mediodía no corazón do lugar boirense da Galea. O sol asemella estar confabulado co crecente son das pegadas dun numeroso grupo de persoas para constituír unha perfecta entrada en escena ou carta de presentación dun Primeiro de Maio. Mais aquí do inicio de mes só hai flores, non hai manifestación e poden verse implicados a diversos rostros coñecidos da política comarcal, sen importar o partido. Os presentes acudiron onte a lembrarse dos antepasados, dos galegos ilustres e, por suposto, dos grandes pensadores da bisbarra. A quinta edición da Romaría dos Devanceiros volveu a render tributo ás plumas caídas.

«A nosa comarca é a máis rica e prolífica en literatos de toda Galicia», explicaba Guillerme Caxaraville a todo un grupo que realizaba unha andaina dende A Pobra, durante a primeira parada da xornada. Guiados polas súas verbas, entraban no museo e Biblioteca das Primeiras Letras do Barbanza, unha sorte de fortaleza cultural que atesoura primeiras edicións, como as do lousamián Diego Cernadas de Castro ou as do rianxeiro Castelao, e outras xoias de autores da zona.

Entrementres, a chegada de máis asistentes era anunciada polos primeiros asubíos dos foles da banda de música tradicional Arume. Camiñando sobre as melodías dos gaiteiros alzábase un guerreiro celta, Abraham Caxaraville, que, portando lanza e escudo, foi o encargado de realizar a ofrenda floral anual na fonte. O mozo cravou as armas no chan e tomou un ramo, do que mollou cada uns dos pétalos para colocalo no alto do penedo, custodiado polo impasible cruceiro.

Percorrido cultural

«Temos que conservar esta cultura porque son as raíces e os xenes dos nosos antepasados. Eles foron e son as testemuñas que nos transmiten os valores», destacou de novo o organizador, antes de cederlle a palabra aos pequenos e maiores que foron recitando versos de poemas de Rosalía e rimas da tradición popular. Despois chegoulle a quenda á lectura dos nomes de representantes da cultura da bisbarra que iniciaron os artistas Xesús Santos e Luisa López, e que os músicos despediron co Himno de Galicia.

De volta no interior da Biblioteca das Primeiras Letras do Barbanza, o historiador Xoán Pastor Rodríguez Santamaría brindou un percorrido pola obra de tres escritores que enriqueceron a literatura desta terra: Carlos Mosteiro, Eladio Oviedo e Anxo Rei Ballesteros. Ademais, o experto adiantou que está a traballar nunha reedición da súa obra sobre escritores barbanzáns -co apoio do Concello de Ribeira-, da que empregará recursos do propio museo que botou a andar Guillermo Caxaraville.

Mais, sen dúbida algunha, o momento polo que todos agardaban era o enlace entre Tamara Fernández e Xosé Nóvoa, naturais de Ourense, pero que levan tres anos residindo en Boiro. Non se tratou dunha voda calquera, xa que se oficiou polos ritos celtas, no interior dun círculo que despois foi cuberto de pétalos. «Quixemos continuar a tradición que comezaron na Galea e pensamos que pode ser un bo recordo para nós e para Boiro», anotou a parella cun sorriso.