O drama de medio cento de familias de Rianxo que non esquecen á súa xente do mar segue presente

Marta Gómez Regenjo
M. Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

CARMELA QUEIJEIRO

A vila rianxeira lembrou aos mariñeiros falecidos

02 may 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

«Xa che levaran os ollos / relingadores de lonxanías / e pescadores de profundidades...». É a voz de Manuel Antonio, escrita sobre a pedra nunha rosa dos ventos, a que cada Primeiro de Maio pisan as familias de medio cento de rianxeiros que perderon a vida no mar. Dá igual os anos que pasaran desde a desgraza, segue presente, e esa memoria serve como homenaxe aos que un día embarcaron para non volver máis. «O peor é para os que van alá, pero o que queda aquí tamén pasa moitos tormentos», dicía Josefa Piñeiro despois de poñer unha coroa de loureiro xunto ao monólito dedicado aos mariñeiros. Ela e a súa irmá Pilar néganse a deixar caer no esquecemento ao seu irmán Vicente.

A pesar de que hai máis de medio século do naufraxio que levou a Vicente para sempre, elas acoden todos os anos á homenaxe ás xentes do mar que se leva a cabo no parque de Galicia. «Era dous anos máis novo ca min, o barco creo que se chamaba Valle de Mena, foi ao fondo e non se salvou ningún. Ían tres de Rianxo», conta Josefa, a segunda de nove irmáns. A pequena, Pilar, tiña apenas 7 anos cando morreu o seu irmán, pero tamén ten un recordo vívido: «Acórdame que miña nai dicía que se fartara de chorar ao verme chorar tanto a min, eu era unha cativa. A ela quedoulle moito pesar porque meu irmán convidáraa a ir a Bilbao para velo e ela díxolle que non, que era mellor que aforrara os cartos que daquela facían moita falta e non foi». Vicente afundiu no golfo de Biscaia.

Oracións polos defuntos

«Xa che levaran a voz / asolagada na furna xiróvaga / por onde escoan as tempestades». A dor que amosan as palabras do poeta do mar rivaliza coas doutros familiares de mariñeiros que perderon a vida na auga salgada.

En Almería quedou o home de Adelaida, que se sumou ao acto de onte cunhas oracións dedicadas a «todas as almas que morreron no mar». Aínda se emociona recordando a súa perda: «Ao pouco de casar embarcou e xa non volveu, caeu ao mar por Almería. Menos mal que eu xa estaba en estado e quedoume unha filla». Unha muller que hoxe ten 57 anos e que non puido coñecer ao seu pai, igual que moitos outros.

Manuel Galbán Sobradelo é un deles. Conta que el foi o impulsor da homenaxe que cada 1 de maio se rende ás xentes do mar de Rianxo e no monólito erixido sobre a rosa dos ventos e os versos de Manuel Antonio están os nomes de tres membros da súa familia. O seu pai, Manuel Galbán, morreu na ría de Arousa en 1937, uns meses antes de que el nacera; o seu curmán, Ángel Galbán Franco, que afogou en 1961; e o seu afillado, Manuel Alcalde, que perdeu a vida no Gran Sol no 2003. Quizais por iso non comprende que en actos coma o de onte non haxa unha participación masiva: «Hai que ter corazón. Son 48 defuntos, pero aquí non vimos máis que catro a acordarnos deles, porque este é un día para recordar».

Na homenaxe deste ano tamén participaron o irmán e outros familiares de Santiago Méndez Figueiro, que finou en augas do Atlántico en 1970. A el, e aos demais nomes do monólito rianxeiro, está dedicado o poema ...Ao afogado sobre o que descansa a súa memoria. «Xa che levaran os azos / enmallados na rede sonora».