Esther Carrodeguas desdramatiza as demencias cunha orixinal creación

BARBANZA

MARCOS CREO

Pepa Barreiro fixo unha soberbia representación de «Na butaca», unha obra inspirada en realidades

29 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Acostuma ocorrer que precisamente a aquilo ao que non se lle dá valor acaba adquirindo tal interese que cando un se decata do que perdeu só lle queda turrarse dos pelos. Antonte puido darse unha desas circunstancias no acto mensual da Asociación Cultural Barbantia, con motivo da presentación da obra Na butaca, da rianxeira Esther Carrodeguas. Déronse cita pouco máis de dúas ducias de persoas, no centro cultural Lustres Rivas, en Ribeira, que finalmente acabaron tendo o privilexio de achegarse a un volume que desdramatiza as demencias, o que non deixa de ser un alivio para quen as ten na familia, e de asistir a unha soberbia representación teatralizada dunha parte da obra, a cargo da actriz Pepa Barreiro.

Por medio de preguntas que lles foi formulando a socia de Barbantia Daniela Martínez, tanto a autora como a actriz, que a representa polos escenarios de Galicia, foron explicando as súas experiencias. As dúas teñen en común contar con persoas afectadas por esta enfermidade nas súas familias, o que sen dúbida as axudou para inspirar a creación e tamén a representación. De feito, Esther Carrodeguas explicou que o título débese a que a súa parente pasaba a meirande parte das horas do día sentada nunha butaca, que alternaba cunha cadeira.

Parte positiva

A rianxeira explicou que tratou de buscar a parte positiva dunha enfermidade que inquieta ás persoas, especialmente ás adultas, que non entenden que alguén poida quedar sen memoria. Precisamente a obra é un monólogo poético e divertido, con partes inquietantes, segundo explicaron. O texto ten varias peculiaridades, como que a maior parte das oracións están formadas con verbos en infinitivo, que non hai unha uniformidade no tamaño do corpo da letra, que non hai maiúsculas e que está escrito en cursiva.

E logo curiosidades, coas que Carrodeguas pretende que o lector faga como unha interpretación sen querelo, que lea a obra tal e como o faría ela. Por exemplo, para forzar un silencio deixa dúas páxinas de texto en branco; ou para entender que a protagonista caeu ao chan, ilustra unha páxina ao revés cunha lámpada acendida, para que o lector lle dea a volta ao libro como faría a muller na que está baseada Na butaca; en fin, unha serie de recursos que axudan tanto á lectura como a comprender aspectos da enfermidade.

Entrar da poética

Explicaba a autora que con estes recursos, o lector entra pronto na poética do libro: «O texto é toda unha acoutación, por iso está todo en cursiva. É un libro moi escénico, porque traballas en escena. A butaca na que se basea o título está en todas as páxinas, e nas que non, está a cadeira; ou a bombilla; ou a televisión... son elementos cos que convive a protagonista e que teñen que estar no libro».

Tanto Esther Carrodeguas como Pepa Barreiro detallaron as súas sensacións coas senllas parentes afectadas por unha demencia subliñando que se percibe que son felices, que viven o momento presente, unha vez que non teñen memoria do pasado nin percepción do futuro. Pero aínda que a obra, tanto escrita como teatralizada, desdramatiza a doenza, non deixa de contar os momentos duros: «O que para os rapaces é unha comedia, para nós, os adultos, é un drama, porque temos medo ao esquecemento, a perder o que somos», resaltou a autora.

En canto ao contido de Na butaca, a tamén directora de Airiños confirmou que o 90 % son feitos reais, pero poetizados, e incluso agocha certa crítica encuberta ás monarquías, cando relaciona un feixe de repúblicas nunha pasaxe que, segundo explicou, está baseada nunha vivencia da súa parente cando foron os xogos olímpicos e pasou catro horas ante o televisor saudando ás delegacións de todos os países ao longo do desfile.

Na butaca é unha obra que, segundo se conclúe do acto de Barbantia, debe ser de obrigada lectura para quen ten que facer fronte á demencia dalgún familiar, porque ademais de ver un lado positivo da enfermidade, destínase o 20 % de cada libro á Asociación Galega de Axuda a Enfermos con Demencia (Agadea).