Manuel Velo: «En Boiro dise a todo que si, pero logo non se fai nada»

BARBANZA

ana lorenzo

Manuel Velo, portavoz de IC Boiro, é un dos políticos máis veteranos da comarca, e tamén un dos máis críticos coa actual xestión do goberno local boirense

26 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Velo, portavoz de IC Boiro, é un dos políticos máis veteranos da comarca, e tamén un dos máis críticos coa actual xestión do goberno local boirense, que preside o popular Juan José Dieste. Sobre todo isto falou onte en Cita co Concello de Radio Voz.

-¿Como está a situación a un ano das eleccións municipais?

-Eu vexo Boiro moi mal gobernado e moi mal xestionado. O alcalde ten un talante antidemocrático e hai unha decadencia tremenda na vida municipal. Estivemos un ano sen interventor nin secretario, pero ao alcalde convenlle que non haxa controis.

-¿É o peor momento que se vive no municipio na súa historia?

-Si, porque non hai forma de aclarar nada. O alcalde di o contrario do que pasa en realidade. A oposición dicimos a verdade e el perde moito tempo en contar milongas. A cidadanía de Boiro ten que entender que un bo político ten que destacar pola súa xestión e honestidade. Pero a política actual é unha política na que se busca o teatro e a empatía. En Boiro dise a todo que si, pero logo non se fai nada.

-¿Que pensa do proxecto do pazo de Goiáns?

-Que se perderon 500.000 euros que daba o Goberno central para o proxecto, e o alcalde non se moveu. Deixou caer o tellado do pazo e non fixo nada. Agora buscou un millón de euros da Xunta, que logo hai que devolver euro a euro. Vai gastar un millón e pico de euros para que non caian as paredes, algo é algo, pero o convenio non o vai cumprir.

-O saneamento boirense presenta moitos problemas.

-Boiro tivo a primeira depuradora biolóxica do Barbanza, e estivo funcionando ata o 95 sen problema. Pero logo deixaron eses pozos de bombeo abandonados e fixeron unha estación en Esteiro que non funciona. En O Saltiño puxeron o tanque de tormentas, que é un tormento para os veciños e non vale para nada.

-¿Como é a relación co resto de grupos de oposición?

-Ben, cada un ten os seus proxectos e eu apóioos case todos.

-¿Podería haber unha coalición para derrocar ao goberno do PP?

-Debería ser, en moitos sitios ocorre. Xa pasou unha vez e saíu mal, pero a situación actual tamén está mal.

-¿Pensa repetir como candidato?

-Estouno pensando porque hai varias opcións. Se digo que me vou presentar, van empezar a lanzar torpedos por todas partes. É unha estratexia política e a min non me gusta colgarme medallas.

-Se hai posibilidade, ¿querería volver a ser alcalde?

-Si, para demostrar que as cousas se poden facer mellor.