Mario Maceiras: «Se logramos salvar un topónimo, o proxecto xa terá pagado a pena»

A. novo / m. x. Blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

A entidade tratará de recoller os nomes de cada recuncho do Olimpo Celta

23 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Logo de rematar o proxecto Trekker, que xa permite, a través de Google, percorrer o Olimpo Celta desde a casa a través de Internet, a Asociación Monte Pindo Parque Natural vén de embarcarse nunha nova aventura. Trátase de recoller o maior número posible de topónimos da paraxe para evitar que acaben desaparecendo. O secretario da entidade, Mario Maceiras, explicou en Radio Voz os detalles desta interesante iniciativa.

-¿Como deciden afrontar este novo reto?

-Nunha reunión puxemos enriba da mesa cales poderían ser as prioridades para este 2018 e decidimos recoller a toponimia. Consideramos que require certa urxencia, porque as persoas que aínda lembran eses nomes e, sobre todo, os microtopónimos menos coñecidos, van desaparecendo ou non reúnen as condicións físicas para subir ao monte e ir marcando os lugares.

-¿Trátase entón de facer unha especie de compilación?

-Si, hai unha importante toponimia que coñecían sobre todo as persoas que percorrían o monte cando nin sequera había estradas, cando era empregado como un lugar de paso. Daquela, cada cruce de camiños, cada pedra e cada rego tiñan o seu nome. Esa xente ten unha idade avanzada. Fixemos un chamamento para que, quen teña información, nos bote unha man. Penso que é un proxecto único nun espazo natural desde unha perspectiva civil. Estamos facendo algo pioneiro que moitos lugares de Galicia necesitan con urxencia.

-¿Quen lidera esta nova aventura da asociación?

-Un profesor xubilado do colexio de Carnota, Manolo Souto Barreiro, que é ademais un gran coñecedor do patrimonio do municipio, pois cando era docente fixo un importante traballo de recollida de tradición oral. Atópase na nosa directiva, polo que cremos que é a persoa idónea para poder levalo a cabo e para tecer canles entre persoas e entidades que poidan colaborar.

-¿A idea é crear material a partir dos datos recollidos?

-Si. Estamos na fase de recollida de informantes, para o que decidimos dividir o proxecto en cinco áreas. Unha é a de coordinación e técnica, para ver cal é a metodoloxía axeitada para recoller a toponimia. Logo imos crear catro grupos de informantes, en función da súa localización xeográfica, un por cada punto cardinal do monte. Neles imos ir introducindo aquelas persoas que teñan información sobre o tema, programando entrevistas persoais e tamén visitas ao monte. Temos a vantaxe de que agora contamos coa tecnoloxía de Google, polo que cun ordenador podemos percorrer o monte desde un sofá. Se logramos salvar un topónimo, o proxecto xa terá pagado a pena.

-¿Esta iniciativa nace entón no momento xusto, pois conta co soporte do Trekker?

-Está claro que é un valor engadido, que nos vai permitir obter moita máis información. No lugar de Caldebarcos quedan ovelleiros e na zona norte do Pindo eran cabreiros; moitos deles non nos poden acompañar ao monte e dispoñer desa ferramenta virtual permítenos ir vendo a paraxe cunha perspectiva real.

-¿Tamén teñen previsto recorrer a publicacións antigas?

-Si, pero hai que ter moita precaución, pois hai toponimia que está deturpada ou que non se corresponde co lugar orixinal. Todo iso lévanos a pensar a metodoloxía a empregar. Hai lugares que, en función de onde preguntes, chámanse dun ou doutro xeito.

-¿Como está sendo polo de agora a acollida?

-Conseguimos espertar o interese dunha ducia de persoas e iso vai permitirnos iniciar o traballo de recollida de informantes, que é o seguinte paso a dar. Tamén temos que solicitar a colaboración de especialistas en toponimia para ver como temos que recoller eses datos. Hai un veciño de Dumbría, Modesto Quintáns, que xa ten uns 700 topónimos, pois leva moitos anos traballando sobre o monte Pindo. Xa podemos dicir que o proxecto empezou con bo pé.

-¿Como pode colaborar a xente?

-Imos colgar na web o número de teléfono de Manolo Souto, que vai ser o que coordine o traballo e, polo demais, non temos ningún tipo de límite para colaborar, nin nesta nin noutras propostas. O que si pedimos é que todas aquelas persoas que traballan con toponimia e con cartografía nos asesoren sobre como podemos realizar este proxecto.