Desamortización de Godoy

José Rodríguez Cabeza DESDE FÓRA

BARBANZA

17 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

En lóxica coherencia coa liña editorial de La Voz de Barbanza, os que temos o privilexio de escribir nela temos a obriga de opinar de cuestións que estean relacionadas co seu ámbito e iso vou facer traendo a colación o affaire de Cristina Cifuentes. ¿Que? Si, si, porque anécdotas semellantes á da mencionada, incluso peores, aconteceron, e supoño que seguirán acontecendo, nestas terras de Barbanza-Muros-Noia xa que nelas, con escasas excepcións, o que predomina son as escolas e os institutos públicos, aquel malpocado invento de Franco que, valéndose de posicións vantaxosas para os ensinantes, rematou coas leis da competencia no ensino, unha das causas do gran fracaso escolar que estamos a padecer.

Debemos ter moi en conta que o réxime laboral de mestres, profesores e catedráticos non se rexe polas normas dos demais currantes deste país, senón polo das administracións públicas, de aí que poidan ter -e teñen- a mesma propensión á corrupción que está aflorando -moito máis é a que non aflora- grazas aos medios de comunicación, xa que os políticos e as súas organizacións protéxense polas mesmas falcatruadas.

Aí está o miolo desta mala xestión e mala praxe na prestación dos nosos servizos primordiais e iso é o que cómpre atallar, emporiso convén analizar a raíz deste problema que non é outra que a estrutura que priva aos proxenitores da liberdade de elección de centro e ideario, pero a nosa casta sempre pode aducir que a culpa disto está na desamortización de Godoy (1798), un longo proceso histórico, económico e social que ¿rematou?, oficialmente, en 1924.