A sétima edición do certame boirense non tivo a ningunha empresa, pero si moita relación coa outra economía
14 abr 2018 . Actualizado a las 13:04 h.Na sétima edición de Pecha Kucha ningunha das cinco experiencias que se expuxeron na sede da patronal de Boiro foi de empresas, porén todas teñen moita relación coa outra economía, como se puxo de manifesto nunha frase moi repetida: a cultura é rendible e cada peso que se inviste nela ten retorno. E para demostralo, interviñeron senllos representantes do Festival Olloboi de Boiro; da Mostra de Curtas de Noia; da Festa da Dorna de Ribeira; do Feirón Mariñeiro de Rianxo; e da Romaría das Letras, para rematar coa intervención de Manuel Gago, unha voz autorizada sobre as posibilidades do turismo cultural e o extraordinario potencial que ten a comarca.
Nun concorrido escenario, o xestor cultural Alberto García deu paso á tripla actividade que empezou coa presentación da revista República Creativa, para continuar coas exposicións do Pecha Kucha e rematar coa entrega de recoñecementos ás boas prácticas culturais ás cinco experiencias da noite.
García, en primeiro lugar, sinalou que a publicación era, ao fin e ao cabo, o broche a Leña Verde, aquela iniciativa que se desenvolveu no seo do Centro Social de Boiro que incluía a publicación dunha revista e que rematou hai 10 anos, pero de tal forma que quedara a sensación de que non se pechara de todo. Foi moi elocuente sobre o que mediou entre a última revista da quenda anterior, e a que se presentaba: unha edición de alta calidade, con pastas duras; fronte a outra, a actual, moito máis modesta nos materiais, pero non nos contidos. A continuación, deuse paso ao Pecha Kucha.
FESTIVAL OLLOBOI
Implicación co tecido social. Ana Moreiras, mestra do IES A Cachada, lembrou que empezou no 2009 da man dun grupo de profesores que non tiñan moita idea do audiovisual, pero con ilusión e dedicación foron encadeando edicións ata chegar á oitava tras percorrer distintos escenarios, como A Pousada das Ánimas, a casa da cultura e, nos últimos anos, Estaleiros Triñanes. Moreiras subliñou que busca ser un método educativo, xa que nel participan colexios de toda Galicia, e implicar aos estudantes no tecido social. Enumerou exemplos de colaboración e mencionou aos grandes padriños, que son Xerardo Triñanes e Luís Avilés.
ROMARÍA DAS LETRAS
Cultura reivindicativa. Interveu en representación da entidade organizadora, a Asociación Cultural Barbantia, o coordinador xeral, Pastor Rodríguez. Comezou lembrando as orixes de Barbantia e a súa intensa actividade, con presentacións mensuais de libros, a publicación do suplemento A Voz de Barbantia, en colaboración con La Voz de Galicia; a edición dun anuario, ou as exposicións colectivas de artistas da comarca en Barbantiarte. Explicou que lle faltaba unha actividade para o gran público, polo que naceu a Romaría das Letras cun dobre obxectivo: concentrar na finca do pazo da Torre de Goiáns unha actividade comarcal no Día das Letras e reivindicar o noso patrimonio. Este ano cambiará de escenario, xa que o pazo está en obras e a romaría será no parque de A Cachada.
FESTA DA DORNA
Tradición e solidariedade. A presidenta da Confraría da Dorna, Lydia Fernández, explicou que a festa é moito máis que as distintas formas de diversión que transcenden, enumerando eidos como a solidariedade, coas actividades para xuntar fondos con fins benéficos; a proxección da cultura mariñeira; o traballo colectivo por medio das peñas; e o apoio ao patrimonio marítimo, entre outros. Lembrou as orixes e como pasou de só contar co baile de gala, cuxos fondos se destinaban a mercar unha dorna para mariñeiros que a necesitaban, ao que é hoxe, unha festa de interese turístico de Galicia na que participan milleiros de persoas.
MOSTRA DE CURTAS DE NOIA
Quen gaña en Noia, gaña nos Goya. A sorpresa da noite foi que interveu o alcalde de Noia para explicar esta experiencia. Santiago Freire revelou que a media tarde lle dixeron que tiña que comparecer el. A pesares deste apuro, desenvolveuse ben. E como está de actualidade a serie Fariña, lembrou que boa parte dos episodios foron gravados na vila, grazas á condición de noiés de Ramón Campos, propietario de Bambú xunto coa súa dona Teresa Fernández. Este detalle ten relación coa Mostra de Curtas, porque nela deron os seus primeiros pasos tanto Campos como Luís Avilés ou o actor Javier Rey. Declarouse convencido de que o que se inviste en cultura ten retorno, e como exemplo puxo que no seo da Mostra fíxose a premier de Galerías Velvet, coa presenza de recoñecidos actores, ao igual que con Fariña. Lembrou un dito que eleva a importancia do certame: «Quen gaña en Noia, gaña nos Goya», froito da coincidencia de galardoados no festival español que antes o foran no noiés, xa que se celebra antes.
FEIRÓN MARIÑEIRO
Máis que unha mostra de artesanía. Carlos Ces deixou coa boca aberta aos asistentes ao explicar como xorde esta actividade, dentro das Festas da Guadalupe de Rianxo, e como acadou tal nivel que hoxe, se non se organizase, faríase igual, porque xa forma parte dunha das principais tradicións rianxeiras e serían os veciños, por propia iniciativa, os que a celebrasen igual. Ces puxo de exemplo de éxito como a primeira edición se fixo con fondos propios da asociación e a do ano pasado xa lles tivo custe cero. O Feirón naceu como unha mostra de artesanía, e aínda que segue a ter esa filosofía, os rianxeiros déronlle a volta para retrotraer Rianxo a cen anos atrás, encher de música propia as rúas da vila e ata sacar ás portas das casas as mesas e a comida.
MANUEL GAGO
Conexión de ideas. E para poñer as cinco exposicións no contexto da importancia das iniciativas culturais na proxección turística da comarca, interveu o profesor da USC e xornalista Manuel Gago, quen expresou o seu orgullo de ser dunha comarca na que se desenvolven iniciativas como as que se acababan de explicar. Gago falou dunha experiencia na costa irlandesa que relanzou o turismo a través dun lago, para explicar que o territorio barbancés, entre montes e rías, conta con iguais ou mellores atractivos para converterse nunha referencia. Lembrou así mesmo o caso de Fisterra, que nos últimos anos estase transformando en punto de visita necesaria para moitos turistas que fan o seu camiño persoal guiados polo relato do fin do mundo, que converteu en algo diferente, unha idea que conecta con outras. «En Barbanza podemos xerar unha forma de turismo, aquí combínanse mar e montaña», sinalou, antes de referirse aos castros que hai na zona, que teñen a particularidade de que cada un deles conta unha historia distinta, un atractivo potencial.