Triángulo de Amor Bizarro: Desde Barbanza para o mundo

Nenos da escola de Airiños e do grupo de teatro da ANPA de Cabo de Cruz son protagonistas do traballo da banda, rodado entre Baroña e as torres de Catoira

.

ribeira / la voz

Clases, inxustizas, desigualdades e política. Eses son os eixos de Les llevaré mi cruz, a canción que vén de lanzar Triángulo de Amor Bizarro. A formación, que xa desde hai tempo leva o nome de Barbanza polo territorio nacional e mesmo a nivel internacional, decidiu nesta ocasión apostar forte pola terra que a veu nacer. Decantouse por dous emblemáticos escenarios arousáns para a rodaxe do seu novo videoclip, os castros de Baroña e as torres do Oeste (Catoira), e mesmo elixiu como protagonistas da curta a veciños da comarca. Un grupo de nenos da escola de Airiños, todos eles membros da compañía Os Fantásticos, e outro feixe de cativos do grupo de teatro da ANPA de Cabo de Cruz son os actores dunha produción que xa está circulando pola Rede.

Triángulo de Amor Bizarro é un grupo con máis dunha década de traxectoria e cinco discos no mercado. Zaragoza, Barcelona e unha nave de Chantada serviran de escenario de vídeos anteriores, todos eles dirixidos por Luis Cerveró, pero nesta ocasión a banda quería darlle máis relevancia ao seu territorio. Tódolos membros son galegos e, a metade, barbanceses. É o caso da rianxeira Isa Cea, voz e baixo, e do boirense Rodrigo Caamaño, cantante e guitarra. Xunto a eles, compoñen a formación musical os coruñeses Rafa Mallo, batería, e Zippo, teclista e guitarra.

Á hora de arroupar con imaxes Les llevaré mi cruz, un tema extraído do último disco da banda, El gatopardo, o director deulles aos músicos certa liberdade que eles quixeron aproveitar para divulgar a súa terra. «Queriamos integrar o noso neste traballo e como Luis Cerveró nos pediu que buscaramos localizacións con historia, ocorréusenos que o castro de Baroña e as torres viquingas podían encaixar á perfección», explica Isa Cea. E aínda que a simple vista, a presenza dos nenos podería semellar que non encaixa moito na temática das letras do grupo, caracterizadas polo ton de crítica social, eles entenderon que era ao contrario: «Necesitabamos aos cativos para que representaran as novas xeracións, o futuro, fronte ao poder de clases e á opresión», comenta a cantante.

Moita receptividade

E as primeiras portas ás que petaron na procura deses pequenos actores abríronse de par en par. Tanto desde a escola de Airiños como desde a ANPA de Cabo de Cruz se amosaron moi receptivos coa idea e aos nenos, como non podía ser de outro xeito, a posibilidade de formar parte dun traballo con difusión a nivel mundial enganchounos desde o comezo. Para os membros de Triángulo de Amor Bizarro, a experiencia resultou moi positiva: «Foi alucinante ver traballar aos nenos e escoitar as súas ocorrencias. Pensabamos que lles podía custar entender o obxectivo do vídeo, pero todo o contrario. O certo é que resultou un proceso moi entretido», comenta Isa Cea.

Foron dous días de rodaxe, con inclemencias meteorolóxicas incluídas, pero o resultado do traballo realizado polas promesas barbancesas do eido escénico xa se pode ver en diversas plataformas de Internet: «Este é o primeiro vídeo que facemos con exteriores da nosa terra e estamos moi satisfeitos de como quedou», aseguraba a cantante rianxeira, o que leva a pensar que quizais no futuro repitan escenario, aínda que sexa cambiando as localizacións.

Polo de agora, Triángulo de Amor Bizarro ten como obxectivos prioritarios difundir este videoclip e afrontar unha xira de promoción do seu novo disco, integrado por catro cancións, que levará ao grupo, de momento, a Madrid, Cádiz, Santiago de Compostela e Bilbao.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
7 votos
Comentarios

Triángulo de Amor Bizarro: Desde Barbanza para o mundo