Un médico visionario

Manuel Gago
Manuel Gago VERMELLO CONTRA O MAR

BARBANZA

13 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Galicia non é polo xeral moi propensa a facer gabanza pública dos seus grandes homes. Os galeguistas fomentaron un certo culto ás grandes figuras, pero non hai máis que visitar as nosas vilas e comparalas coas de Portugal, Francia ou Alemaña para decatarnos de que non somos excesivamente amigos de elevar a persoeiros.

E, sen embargo, hai que facelo. Cada vez estou máis convencido. Este sábado irei a Cuntis a escoitar a homenaxe que lle van facer a un dos máis ilustres nativos de Ribeira: Manuel Xacobe Fernández Mariño. Este médico da cidade vai ser recoñecido coma o que foi, un auténtico precursor da relevancia salutífera das augas termais galegas. Docente na Universidade de Santiago de Compostela e director do Balneario de Cuntis, grazas a el, xunto con outros visionarios, temos hoxe en día un poderoso sector termal que só pode medrar.

Grazas a Héitor Picallo e a un grupo de amantes do pasado de Cuntis, a súa vila de adopción recoñecerá institucionalmente o seu inmenso labor en prol da saúde termal.

Pero Fernández Mariño tivo outro gran mérito, moi pouco habitual na súa época. Descubriu as antigas termas romanas e nelas unha valiosa estatua que podía ter quedado para si, pero doou á Universidade de Santiago, que non a soubo coidar e perdeuna. Don Manuel Xacobe puido ter destruído aqueles restos arqueolóxicos, pero non o fixo. Decidiu preservalos para o futuro, de novo baixo terra. Xusto é que desde o futuro, hoxe recoñezamos o seu traballo e o seu mérito a prol da saúde e da historia.