Marcos Gallego: «O fin é que a xente volva á súa terra»

María Xosé Blanco Giráldez
m. x. blanco RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

cedida

Di que o vídeo fusiona unha emotiva historia con espectaculares paisaxes

07 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Marco, un galego que emigrou ao norte de Europa, regresa a Carnota logo da morte do seu avó, quen no testamento que deixou lle relata unha emocionante e sorprendente herdanza. Ese é o fío narrativo de O legado, o documental producido polo Concello carnotán para difundir os atractivos do municipio. Trátase dun traballo de seis minutos de duración que xa suma máis de 32.000 reproducións e que conta cun galardón a nivel internacional, acadado na feira turística de Berlín. Detrás deste vídeo hai un equipo de profesionais de Aba Films, á fronte do que se situou o director Marcos Gallego.

-¿Coñecía o territorio cando se embarcou nesta aventura?

-Como produtor e director tiña feito máis traballos na zona, tanto en Carnota como na ría de Muros e Noia. No ano 2010 estreáramos Lira, reserva de vida na Costa da Morte, un documental para a televisión. Daquela, a conexión con Carnota foi moi estreita. A maiores, téñome achegado como turista a diferentes recunchos do municipio.

-¿Como xorde O legado?

-O proxecto partiu dunha proposta narrativa audiovisual que Aba Films fixo para un territorio máis extenso, que abarcaba toda a ría e mesmo chegaba a Fisterra, tendo en conta as referencias socio-culturais da zona e o envellecemento da poboación. Buscabamos unha narrativa para presentárllela ás Administracións na procura de clientes.

-Pero ademais de crear un produto audiovisual, ¿había outro obxectivo de fondo?

-Si, a nosa idea é reverter a situación que existe nesta zona, dar a coñecer as potencialidades que ten a nivel de patrimonio, de cultura, de paisaxe... e provocar unha renovación. O fin é que a xente volva á súa terra, que os que están fóra vexan que é posible vivir no seu lugar de orixe.

-¿Como un proxecto xeral acaba sendo un traballo referido a Carnota?

-Fixemos un proxecto inicial que rematamos a finais do 2016 e logo comezamos un percorrido por diferentes institucións. A Ramón Noceda interesoulle moito desde o principio, co cal xa empezamos a traballar en Carnota máis concretamente.

-¿E houbo entón que volver a empezar?

-Tivemos que reordenar e adaptar o guión. Empezamos por poñer os pés sobre o terreo, e nunca mellor dito, xa que subimos varias veces ao monte Pindo, a onde só se pode chegar camiñando. E así lle fomos dando forma ao documental, cun guión de Manuel de Lorenzo, unha banda sonora de Caxade e a voz de Luís Iglesia. A mensaxe que trasladamos é sinxela: valora o que tes, cóidao, faino sostible e prepárate para entregarllo ás seguintes xeracións, é un legado.

-¿Que se perseguiu con ese fío narrativo?

-Quixemos mesturar un vídeo institucional, dirixido á xente de Carnota, cunha parte turística, que pretende atraer visitantes. Neste caso, semella que funcionou, porque os veciños fixeron seu un relato que os emociona e fóra tamén está gustando.

-¿A que atribúe o éxito acadado en tan pouco tempo?

-Primeiro, a un guión que engancha e, segundo, a que o territorio está ben retratado. Evidentemente, as paisaxes de Carnota son espectaculares, pero non vale con situar unha cámara en calquera lugar. Por exemplo, subimos un dron ata a Cova de Xoana, nunha parte inaccesible do monte Pindo.

-¿Foi esa procura de localizacións a parte máis complicada deste proxecto?

-O complicado destes proxectos é que son difíciles de asumir por parte de pequenas administracións coma o Concello de Carnota. O máis difícil foi que a cadea burocrática levounos a empezar a rodaxe a finais de outubro do ano pasado. O que nos salvou foi que o verán durou máis do normal.

-¿Cales son agora mesmo as aspiracións para O legado?

-Aspiro a que siga a senda de festivais internacionais de cine turístico. Cremos que estamos en condicións de competir con producións doutros países e doutros territorios. Iso servirá tamén para divulgar os atractivos de Carnota.

-¿De que se sente máis satisfeito nestes intres?

-De que cada vez que vou a Carnota, aínda estiven os días pasados no Víndemo Ver, a xente se achega a min para agradecerme o traballo feito, para felicitarme. Ter chegado ao corazón dos veciños é para min o máis importante.