María José Blanco: «Avanzamos en fármacos menos tóxicos e máis eficaces para o cancro»

joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

BARBANZA

Sandra Alonso

Traballa en alternativas á quimioterapia convencional para tratar tumores infantís

06 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai catro anos, a Asociación Española Contra el Cáncer (AECC) aprobou unha partida para levar a cabo un importante proxecto de investigación sobre o cancro infantil da farmacéutica galega María José Blanco. Este empuxón serviulle para que centrase o seu traballo no osteosarcoma, «un tumor do óso moi preocupante, por ser difícil de diagnosticar nos nenos polos síntomas, xa que se manifesta con dor nunha perna e, como están medrando, o habitual é que se pense noutras doenzas. Por iso, moitas veces se detecta moi tarde e mesmo hai que amputar o membro afectado. A supervivencia aos 5 años é do 20 %».

Blanco explica que neste tempo «avanzamos en fármacos menos tóxicos e máis eficaces para o cancro», que é o obxectivo que busca o equipo no que traballa a farmacéutica galega na Clínica Universitaria de Navarra. Precisamente, sobre os logros conseguidos co seu grupo de investigación versou onte o seu discurso de ingreso na Academia de Farmacia de Galicia. Foi presentada por María José Alonso, a profesora da Universidade de Santiago (USC) que a orientou para a nanotecnoloxía: «Cando acabei a carreira, ela foi quen me dixo que sería interesante traballar co grupo de Patrick Couvreur na Universidad París Sur. Conseguín unha bolsa do goberno de Francia e iso facilitoume que me doutorase nese centro», lembrou.

A continuación, María José Blanco ampliou os seus estudios na prestixiosa Escola Politécnica Federal de Zúrich (ETH), e logo tivo a oportunidade de que a chamasen para integrarse no cadro de profesorado da institución académica navarra, onde lidera un grupo de investigación que conseguiu proxectos europeos, estatais e autonómicos.

Especialización

Blanco especializouse na aplicación da nanotecnoloxía para mellorar os problemas de saúde, un campo complexo «porque son moléculas dun tamaño moi pequeno, como se comparamos unha bola de xogar ao fútbol co tamaño da Terra». A farmacéutica galega procurou avances para a doenza de párkinson ou para a rexenerar o corazón despois dun infarto, e a súa principal preocupación agora son os cancros infantís.

«Esta enfermidade nunha persoa adulta é terrible, pero en menores aínda máis, porque os medicamentos que se utilizan son moi tóxicos e hai que ter coidado, pois podemos ter éxito contra o cancro e, ao mesmo tempo, danar o corazón. Por iso, tentamos que a quimioterapia vaia exclusivamente ás células tumorais e a diminuír a súa toxicidade, para que os nenos teñan unha esperanza e calidade de vida boa, e non sufran despois fallos cardíacos», apuntou.

Onte explicou como un fármaco empregado contra un tumor, a doxorrubicina -que normalmente dana moito o corazón-, ao empregar nanopartículas mellora a súa distribución e reduce os efectos negativos. Un nanomedicamento pode ser administrado por varias vías, «nós conseguimos o uso dese por vía oral, e así é mellor tolerado».

Blanco puxo algún exemplo da súa investigación na que, con células procedentes dun tumor dun neno, «provocamos un cancro na pata dun rato e creamos un modelo para que esas células metastizasen no pulmón, para que os síntomas sexan semellantes aos que padece un cativo. Administramos as nanopartículas por vía oral e conseguimos que o tumor da pata practicamente desaparecese e inhibimos as metástases nos roedores».

Agora, o desafío é conseguir unha mellora semellante nos nenos. Normalmente, os cativos reciben os mesmos fármacos que os maiores pero en doses máis pequenas, «pero non son adultos pequenos. Por iso esperamos mellorar a eficacia e reducir os danos», dixo.

Traxectoria. É de A Pobra de Trives (Ourense), estudou Farmacia na USC, fixo o doutoramento na Universidad París Sur e ampliou estudos na Escola Politécnica Federal de Zürich.

Docente e investigadora. Exerce hai 18 anos na Universidade de Navarra, onde é catedrática